TVG: Noite de verbena en “Con amor e compañía”

O programa “Grandes Orquestras de Galicia” estará hoxe dedicado á París de Noia, que, con máis de 60 anos de traxectoria nos campos da festa, prazas e pavillóns de toda Galicia, achegan este verán unha conxunción de baile, música e espectáculo que semella imposible.

Os seus cantantes, músicos e bailaríns non teñen medo ás alturas e combinan os temas máis escoitados deste verán cos éxitos de onte e de hoxe ao son dun ritmo imparable e unha posta en escena impactante.

Nesta edición de “Grandes Orquestras de Galicia”, os espectadores saberán de primeira man que ocorre nos camerinos da París de Noia. O programa falará co seu líder, Blas, que a causa dunha lesión non pode actuar pero que acompaña a orquestra en todas e cada unha das súas actuacións. Ademais, preguntaralle ao público se coñece realmente de onde vén o nome desta formación de tan longa tradición e dará testemuño dos fans e seguidores máis acérrimos da “París”.

A París de Noia naceu en 1957, ano en que Joaquín García Piñeiro “El Acordeonista” asumía o mando dunha orquestra de once compoñentes xunto a Constantino Pego “El Gitano”, animador das verbenas galegas aló onde estiveran, tanto en Galicia coma fóra dela.

TODO QUEDA NA CASA

Veciños do Rosal e Carballo poderán gañar hoxe ata 1.000 euros se convidan a pasar e lle amosan a súa vivenda ao equipo de “Todo Queda na Casa”, o concurso da TVG presentado por Eva Iglesias.

Cantos tarros hai na terraza? De que cor son as toallas do aseo? Que hai sobre a mesa do comedor? Que número de teléfono está pegado na neveira? Ser un pouco observador pode axudar a calquera a conseguir o premio do programa, sempre e cando convide as cámaras a entrar na súa casa.

CON AMOR E COMPAÑÍA

Esta noite de verán en Con Amor e Compañía os espectadores asistirán a unha verbena moi especial. Hoxe brillarán no programa da Televisión de Galicia que presenta David Amor dous cracks das orquestras galegas: Lito, da Panorama, e Fátima Pego, da orquestra París de Noia.

Os dous artistas, membros de dúas das formacións con máis sona en toda Galicia, fan unha pequena parada nas súas axendas para pasar un rato divertido no programa da TVG. Lito e Fátima terán que responder ás preguntas máis difíciles das súas carreiras: as curiosidades que ten o público sobre eles. Ademais, desvelarán algúns segredos do día a día das orquestras e enfrontaranse a un divertido xogo en que non terán que demostrar as súas dotes para cantar, senón para bailar e interpretar.

Por outro lado, os espectadores e seguidores do programa poderán ver a sorpresa que levou Dosinda Barral, a gañadora do concurso do coche, cando David Amor e Miss Tamallancos chamaron á porta da súa casa para comunicarlle que gañou o coche e para entregarllo. Un momento inesquecible para a ela e para toda a súa familia.

Por último, o programa completarase coas seccións habituais como o monólogo de David Amor, as conexións de Maximino “Deitado” e as seccións dos colaboradores. Todo isto coa complicidade incondicional do público de “Con Amor e Compañía”.

A REVISTA

Os reporteiros de “A Revista” estarán hoxe en directo na praia de Major, en Sanxenxo, para coñecer de preto os aquakarts. Trátase dunha embarcación deportiva con aspecto de kart, deseñada e patentada na vila pontevedresa, onde xa se pode probar no circuíto do París Dakart, e que nuns meses se lanzará ao mercado internacional tras a súa fabricación en California. O invento e o proceso de creación ten selo galego: o promotor, enxeñeiros e os prototipos, que se fabricaron en Sanxenxo.

Ademais,a presentadora de “A Revista”, Almudena de Urzáiz, conversará con Nava Castro, directora de Turismo de Galicia, sobre as previsións turísticas deste verán. No estudio de gravación tamén estará o xornalista Moncho Lemos, que, coma cada xoves, lles achegará aos espectadores as estreas da fin de semana.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar