Baltar presenta en Madrid á comisionada fronte ao Reto Demográfico, o impulso económico do termalismo

 

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, en calidade de membro da Xunta de Goberno da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), presentoulle en Madrid a Miri Barreira, comisionada do Goberno fronte ao Reto Demográfico, un plan piloto de dinamización rural baseado no termalismo. O proxecto ten na riqueza termal o elemento principal para favorecer a fixación de poboación, o aproveitamento económico e social das contornas termais e os balnearios, o fomento do emprego no rural e a promoción da desestacionalización para manter niveis de ocupación e visitas turísticas ao longo de todo o ano, con actividades de ocio, saúde e culturais que conformen diferentes programas e actividades turísticas.

Como membro da Subcomisión de Deputacións da FEMP, encargada dos temas que afectan aos gobernos locais intermedios no que atinxe á cooperación coas administracións e á xestión dos servizos, Baltar expresoulle a Miri Barreira que este plan de dinamización rural apoiado no termalismo ten como obxectivo “o aproveitamento práctico, innovador e sustentable que ofrecen as augas termais”.

“Somos o país de Europa e un dos primeiros do mundo con maior número de mananciais e mellores propiedades mineiro-medicinais das nosas augas termais, un potencial que temos que seguir canalizando nos ámbitos turísticos e da saúde, complementándoos, porque esa excelencia no aproveitamento traerá consigo fixación de poboación no medio rural, maior competitividade e novas oportunidade de negocio e emprego para familias e empresas”, explica Manuel Baltar.

Baltar destaca que este plan piloto de dinamización rural vai na liña do “Pacto Termal Nacional”, que presentou o presidente da Deputación de Ourense o ano pasado en Fitur e máis recentemente no XII Encontro de vilas termais, celebrado en Caldas de Reis e Cuntis, un plan nacional que ten a finalidade de acadar un desenvolvemento turístico termal eficiente, sustentable e de calidade, “con melloras das infraestruturas termais, liñas de axudas para instalacións, investigación e actividades turísticas, e campañas de divulgación das vilas e territorios termais”, afirma Baltar. “En definitiva –resume o presidente do goberno provincial-, un plan para destacar o mellor de algo único, como son as nosas augas termais”.

O proxecto presentado hoxe a Miri Barreira por Manuel Baltar pretende promover o valor económico, cultural e de saúde do termalismo en España, e aproveitar as oportunidades que ofrece este sector. Internacionalizar o termalismo de España é outras das liñas de actuación do proxecto, procurando estratexias de cooperación con entidades que operan no ámbito internacional, para que estas alianzas favorezan a promoción da riqueza termal dos nosos territorios, e un maior desenvolvemento turístico e económico, baseado no benestar, no descanso e na saúde”, destaca Manuel Baltar.

 

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar