132 aniversario do pasamento de Rosalía de Castro

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, participou na Casa da Matanza no acto de conmemoración do 132 aniversario do pasamento de Rosalía de Castro, no que destacou a importancia do legado literario, ético e emocional da precursora das nosas letras para o desenvolvemento de Galicia. “Na figura de Rosalía temos un referente que imitar e co que orientarnos na sociedade actual, ela debe estar presente na nosa acción política e cívica”, salientou.

O conselleiro tamén fixo alusión na súa intervención ao papel de dinamización e promoción cultural desenvolvido pola Fundación Rosalía de Castro e deulle os parabéns aos gañadores das tres categorías do V Concurso Escolar de Poesía, que ao longo do acto leron os poemas galardoados.

“Esta Casa Museo –explicou Román Rodríguez–, que acolle e difunde o legado da nosa poeta máis universal, pode gabarse de impulsar novas vocacións literarias nunha terra cun herdo creativo tan rico como é Galicia, pero na que non sobran iniciativas como esta. Un premio que suma na nosa construción cultural desde o fomento das vocacións poéticas e o desenvolvemento do talento entre os máis novos.”

 

O acto foi precedido dunha visita institucional ao espazo museístico guiada por Pepe Barro. Na conmemoración celebrouse a reapertura da Casa, despois das distintas obras e intervencións realizadas nos últimos anos e houbo un momento para a lembranza e o recoñecemento do papel de Camilo Agrasar, figura destacada polo seu traballo en prol da difusión do legado rosaliano no eido da Casa Museo.

Ademais do conselleiro participaron neste cabodano rosaliano, o presidente da Real Academia Galega, Víctor Freixanes; a vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín; o presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira; e o director do Ámbito Cultural do Corte Inglés, Pati Blanco. Así mesmo, interviñeron as profesoras Ana Blanco e Catherine Davies, e os gañadores de cada unha das tres categorías do V Concurso Escolar de Poesía. A conmemoración gozou dun colofón musical cun concerto de Amancio Prada e a interpretación do himno galego.

Román Rodríguez anticipou na súa intervención que, canda a Fundación Rosalía, se acometerán entre 2017 e 2018 novas obras na sede padronesa desta entidade. En concreto, levaranse a cabo diversas actuacións de acondicionamento e reforma dos edificios anexos á Casa-Museo e melloras na accesibilidade do conxunto. Unhas melloras nas que a Xunta de Galicia ten previsto investir 120.000.

 


© 2011 Galega de Comunicación e Información, S.L.U. - Aviso legal - Contacto