Ourense contará co primeiro parque inclusivo de Galicia na Alameda do Cruceiro

 

Ourense contará, logo da aprobación do expediente para contratar as obras do proxecto de rehabilitación do parque da Alameda do Cruceiro, co primeiro parque inclusivo de Galicia: todas as áreas de xogos son para un espectro de usuarios activos desde os cero aos setenta anos. O alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, relatou esta mañá en rolda de prensa as características do prego de condicións económico – administrativas dun proxecto que suporá un importe total de 735.000 euros e que terá un prazo de execución de catro meses desde o inicio das obras. “Actuarase sobre o construído, para devolver usos e para modificar as necesidades ao momento actual”, dixo o rexedor: “Debemos recuperar a oportunidade dos espazos verdes como lugares de convivencia a través do lecer activo fóra do sistema viario e as súas estridencias e, de ser posible, dun modo igualitario”.

O proxecto buscou a oportunidade de abrir o espazo a dúas rúas, Concello e Cruceiro, eliminando barreiras físicas, mellorando a accesibilidade mediante a demolición de peches, así coma un achegamento a un espazo que quedou confinado por unha notable diferenza de altura: o da Rúa Progreso. Realizouse un esforzo ante as infraestruturas que todo espazo moderno e funcional necesita, deste xeito previuse a eliminación de todas as barreiras arquitectónicas existentes así como tamén a eficiencia enerxética da nova iluminación do parque como unha condición inescusable, incorporando equipos de calidade contrastada e gran rendemento.

O equipo redactor do proxecto tentou potenciar as entradas pasando dunha soa entrada accesible a dúas, ambas desde a rúa Concello. Unha vez dentro atopámonos cun paseo perimetral que enmarca no seu interior catro zonas de esparexemento totalmente diferentes pero algunhas delas moi vinculadas. Na parte superior do parque: A área de xogos para nenos de cero a seis anos existente demólese para amplialo, incorporando xogos con accesibilidade para cadeira de rodas. Tamén na parte superior e, en sentido descendente ata a parte inferior cruzando durante corenta metros o parque instalarase unha tirolina dobre con chan de pradería e delimitado por dúas aliñacións de árbores que nun futuro darán unha imaxinaria sensación forestal moi atractiva. Na parte inferior desta zona un espazo de xogos con cordas para acoller ata 8 nenos sentados ou ben de pé.

Haberá tamén espazo para xogos de actividade acuática para nenos desde 0 a 12 anos no que entren a xogar en espazo dotado de geysers, chorros, canóns e arcos de auga. Para eles previuse un espazo de 162 metros cadrados no que os nenos de modo libre xoguen coa auga, mesmo aqueles con mobilidade reducida, xa que non existen bordos, nin pendentes nin obstáculos de ningún tipo. A auga reutilizarase para ser continuamente achegada nun ciclo pechado. O resto do ano convértese nunha fonte nocturna cun equipamento de iluminación artística en conivencia coa auga achegando cor e relax visual e auditivo.

Por último destinouse un espazo aos xogos tradicionais, que de modo simbólico van estar presentes con, o truco, o trompo, un circuíto das chapas e mesmo os xices para pintar no chan. Son recursos e coñecementos hoxe inéditos para os nosos fillos pero que deben experimentar porque seguen sendo moi vixentes.

“En definitiva, a rehabilitación da Alameda do Cruceiro como parque lúdico sostense na manifestación de que ante o xogo todos somos iguais. O xogo é un elemento integrador, democrático, sociabilizador, habilitador de espazos de reflexión, faladoiro, descanso e actividade libre nunha contorna de marcado carácter positivo”, resumiu o alcalde de Ourense.

Ademais deste, a xunta de goberno local deu conta doutros 35 asuntos sendo especialmente relevantes os da área de Contratación.

Contratación. A xunta de goberno local aprobou esta mañá o expediente para contratar, mediante procedemento aberto, o proxecto de adecuación e mellora das infraestruturas actuais á normativa vixente no polígono industrial das Coiñás. Para este contrato destinarase un importe de 718.000 euros, IVE incluído. “Trátase dun proxecto moito máis ambicioso que a simple adaptación ás novas normativas: recolle melloras de accesibilidade, antigas demandas dos usuarios deste parque”, dixo Vázquez Abad.

Ademais, deuse un paso primordial para avanzar na programación festiva do Nadal, aprobando senllos expedientes para contratar o deseño e produción de carrozas, así como para a dirección artística (organización e produción da animación para o desfile) da cabalgata de Reis da Cabalgata de Reis 2018, por importes de 27.000 e 60.000 euros respectivamente.

Por outra banda, adxudicouse o servizo de limpeza de dependencias municipais do Concello de Ourense a Onet-Seralia, S.A. por un importe de 810.000 € más 170.100 € en concepto de ive, dando un total de 980.100 € por ano. “Esta adxudicación baséase no cumprimento estrito da legalidade e dos informes técnicos no expediente que serven de motivación ao acto administrativo e o adxudicatario deberá presentar, no prazo de quince días naturais desde a notificación de la adxudicación, o plan de seguridade e saúde no traballo”, explicou o alcalde.

Tamén se aprobou o expediente para contratar, mediante procedemento aberto, o servizo de xestión de visitantes e atención ao publico dos espazos expositivos da sala Valente e do claustro de San Francisco por un importe global de 123.560,36 €, para os catro anos de duración do contrato, distribuídos a razón de 30.890,09 € anuais.

Finalmente, deuse conta da non formalización do contrato de arrendamento dun inmoble para a cesión do seu uso á AVV Montealegre, que xa fora adxudicado, por renuncia da propia asociación ao uso do local.

Avogacía consistorial. A xunta de goberno deu conta de nove asuntos. Entre eles, tres persoamentos para comparecer, en calidade de demandado, ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo nº1 de Ourense, por un asunto de Persoal; ante o mesmo xulgado por unha reclamación dos axentes da Policía Local polo que consideran unha ausencia de negociación colectiva da xornada laboral; e perante o Xulgado Contencioso-Administrativo nº2 de Ourense por unha reclamación patrimonial por danos nun vehículo como consecuencia dunha pedra procedente dos labores de roza na rúa Castro Canseco.

No tocante ás sentenzas (6), o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia desestima o recurso de apelación interposto por un traballador municipal: o tribunal considera que o Concello executou correctamente unha sentenza do Contencioso Administrativo de Ourense no caso dun despedimento e o alto tribunal galego vén confirmalo desestimando o seu recurso de apelación.

Deuse conta tamén dunha sentenza do Contencioso Administrativo de Ourense que estima o recurso interposto por unha empresa contra o acordo de xunta de goberno local para o arquivo dun expediente de disciplina urbanística. Así, o Concello deberá abrir un expediente de reposición da legalidade urbanística e pagar as custas do proceso por importe de 500 euros.

Unha sentenza do Contencioso-administrativo núm. 1 de Ourense estima en parte o recurso da cafetería Vega70 contra o Decreto da Concellería de Comercio de retirada dos veladores. Comercio ditara un decreto de revogación para a instalación de 4 veladores en febreiro de 2016, que foi recorrido polo interesado. O 26 de maio, a Concellería -sen ter resolto o recurso do interesado- ordena a retirada forzosa de veladores, e o 5 de xullo resolve desestimar dito recurso.

“É dicir: esta sentenza vén darlle a razón ao Concello no tocante á decisión da retirada de veladores, xa que foi feita de forma correcta e conforme a dereito”, explicaba Vázquez Abad. “Pero o tribunal estímalle ao denunciante o feito de que, estando suspendido o acordo de revogación, ordenásemos a retirada: non porque a decisión de Comercio fose unha decisión incorrecta, senón porque se fixo antes de tempo”. Polo tanto, a pretensión da cafetería, que solicitaba a indemnización económica derivada da imposibilidade de explotar a terraza e o retorno dos veladores ao espazo público queda desestimada.

Outra sentenza é a ditada polo Xulgado Contencioso-administrativo número Dous de Ourense, e que estima un recurso interposto por un particular contra a desestimación da solicitude de indemnización polos danos causados nun vehículo por mor da subida dun bolardo en Doutor Marañón. O Concello de Ourense deberá pagar 972,11 euros, mais os xuros legais (235 euros).

Outra das sentenzas, neste caso do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, é derivada da caída do PXOM. A sentenza estima en parte o recurso interposto por unha promotora PONTE CODESAL S.L. como consecuencia da anulación do Plan Xeral de Ordenación Municipal de Ourense. A empresa reclamaba un importe de 378.456 euros, pero o Tribunal unicamente lle recoñece a suma de 130.010,23 euros en concepto de honorarios profesionais (arquitectos), taxas municipais e de edificación.

Para rematar o apartado xurídico, unha sentenza do Contencioso-Administrativo número dous de Ourense en relación á caída do Plan Especial das Burgas. A resolución do Tribunal ordena que o Concello devolva a finca número 4 do Plan de Expropiación de As Burgas. Anulado o plan especial e a ordenación provisional, anúlase polo tanto o plan de expropiación… e esta é unha das consecuencias. Outra pode ser que os propietarios da finca interpoñan, pola vía administrativa, as indemnizacións correspondentes.

Licenzas urbanísticas . A xunta de goberno concedeu 12 licenzas, das que 8 son para a instalación de ascensores en edificios de diferentes puntos da cidade coa fin de mellorar as condicións de accesibilidade. Sete das licenzas foron concedidas, entre elas dúas para a reforma do portal, e unha foi denegada en virtude dos informes técnicos e xurídicos. Tamén se concederon licencias para rehabilitar senllas cubertas de edificios; corrixiuse un erro nun acordo de xunta de goberno de 2013 (facíanse constar dous sotos, cando en realidade é só un); e denegouse unha licenza para ampliar unha vivenda familiar en Seixalbo logo dun longo proceso iniciado en 1998.

No apartado de Aperturas, concedeuse unha para abrir unha farmacia na rúa Ramón Puga e corrixiuse un erro dun acordo anterior: onde dicía licencia para adaptación de local en Ramón Puga para cafetaría-panadaría, debía dicir só cafetaría.

Patrimonio. No servizo de Patrimonio, a xunta deu conta de tres reclamacións patrimoniais: dúas por caídas na rúas Eulogio Gómez Franqueira, inadmitida por non ser o Concello a Administración competente para resolvela, e outra en Antonio Puga, desistida por non concorrer os requisitos legais para ter dereito a indemnización. A mesma sorte correu unha reclamación por danos nun vehículo na rúa Mestra Paz Sueiro.

Servizo de Rehabilitación, VPP e PERIS. Aprobouse solicitar que o Concello participe na prórroga do programa de Rexeneración e Renovación Urbana do Plan Estatal de Fomento do Alugamento de Vivendas. Os chamados ARRUs que, no Concello de Ourense están no Casco histórico, en Seixalbo, na Inmaculada e no Polvorín – Camelias – Carballeira. Actualmente, estase reutilizando o diñeiro sobrante dese plan 2013/16, pero agora a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Infraestruturas e Vivenda, abre unha nova prórroga para solicitar axudas en 2018, e sempre dentro das catro zonas delimitadas como ARRU.

Sistemas de Información. Achegouse unha proposta de consulta de Interoperabilidade. “As administracións públicas teñen acceso a moitos documentos persoais, e a nova lexislación regula moi especificamente o acceso aos mesmos”, comentaba o rexedor. Con esta proposta, os servizos informáticos deste Concello continúan a liña do proposto polos organismo Eido Local e FEGAMP para adaptar os formularios dos distintos procedementos administrativos e facer efectivo o dereito dos administrados de non achegar documentos que xa fosen elaborados por calquera outra administración. Nos formularios incluirase unha cláusula de denegación expresa de consulta que deberá ser cumprimentada polos interesados. “En definitiva, unha forma de blindarse legalmente para cumprir as premisas da protección de datos”, dixo.

Servizo de Limpeza. Para rematar, declarouse a caducidade do expediente incoado a Ecourense UTE para determinar o grao de cumprimento da obriga de realizar campañas de publicidade e mentalización, por transcorrer máis de tres meses sen resolución expresa. Polo tanto, procédese a incoarlle un novo expediente de responsabilidade contractual.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar