Baltar exporá a visión dos gobernos provinciais na Universidade Menéndez Pelayo

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, exporá nun curso de verán da Universidade Internacional Menéndez Pelayo a súa visión dos gobernos provinciais como cooperadores para o desenvolvemento dos pequenos e medianos municipios, así como as experiencias de éxito e os proxectos de innovación tecnolóxica, transparencia, internacionalización, promoción turística e participación cidadá, desenvolvidos pola Deputación nos plans “Ourense 92” e “Ourense 15-19”.

O curso de verán desta prestixiosa universidade, de ámbito nacional, celebrarase os próximos días en Santander e nel participarán como relatores os presidentes das deputacións de Ourense, Jaén –que preside a Comisión de deputacións da FEMP- e Barcelona –cuxa presidenta, Mercé Conesa preside a Fundación Democracia e Goberno Local-. Precisamente, na reunión celebrada hoxe en Madrid pola Comisión Permanente desta fundación, na que participou o presidente Baltar, deuse a coñecer o programa do curso de verán da Menéndez Pelayo, que abordará desde unha perspectiva multidisciplinar, xurídica, administrativa, política e financeira a realidade dos gobernos locais intermedios, a súa xestión e os servizos que ofrecen a concellos e cidadáns.

No ámbito político, Manuel Baltar, Mercé Conesa e Francisco Reyes -presidente da Deputación de Jaén-, analizarán nos seus relatorios o papel dos gobernos provinciais, mentres que as outras perspectivas da xestión administrativa dos gobernos locais intermedios serán abordadas no curso por xuristas, catedráticos, profesores e altos cargos da administración provincial.

“Trátase dunha oportunidade para divulgar, debater e seguir avanzando na excelencia da xestión e na mellora dos servizos que ofrecen os gobernos locais intermedios”, afirma Manuel Baltar.

A Universidade Menéndez Pelayo imparte os seus prestixiosos cursos desde hai máis de 70 anos. A acción formativa na que participa nesta edición Manuel Baltar está organizada por esta universidade en colaboración coa Fundación Democracia e Goberno Local, que celebra os seus 15 anos de existencia.

 

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar