Culmina o trámite ambiental da futura estación intermodal de Santiago

 A Xunta de Galicia dá por concluído o trámite ambiental do proxecto da futura estación intermodal de Santiago ao descartar que o desenvolvemento desta infraestrutura xere efectos significativos sobre o medio ambiente. Deste modo, a Consellería de Medio Ambiente finaliza a correspondente avaliación ambiental deste proxecto e considera innecesaria a súa tramitación mediante o procedemento de avaliación de impacto ordinario, o que significa que o Goberno galego avanza cara á dotación da capital de Galicia dunha nova infraestrutura de transporte esencial e garante dun modelo de mobilidade máis sustentable.

Así, a partir das características do proxecto presentado, e despois de contrastar co resultado dos informes emitidos en resposta ás consultas realizadas ás diferentes administracións, e cos criterios incluídos na Lei de avaliación ambiental; a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático considera improbable que a futura execución do proxecto produza efectos significativos sobre a contorna.

Pola contra, si destaca os beneficios ambientais derivados da mellora da mobilidade, especialmente, en termos de redución das emisións de gases tóxicos e de efecto invernadoiro ao diminuír a circulación de vehículos privados a producirse un alivio de tráficos asociados ao transporte interurbano e metropolitano nas zonas centrais da cidade de Santiago de Compostela.

Deste xeito, o informe de avaliación ambiental acepta e declara axeitadas as medidas encamiñadas a minimizar os impactos derivados das fases de execución e funcionamento desta futura infraestrutura, sen prexuízo de establecérense unha serie de condicionantes ambientais a ter en conta en materia de residuos, atmosfera, biodiversidade, enerxía, movemento de terras, paisaxe e vixilancia ambiental destinados a garantir o máximo grao de excelencia ambiental.

Os obxectivos do proxectos

Adaptar a estación aos novos servizos de alta velocidade previstos no horizonte a largo prazo ou a elaboración dun esquema de chegadas e saídas a e dende a estación que teña en consideración as condicións especificas dos viaxeiros son algúns dos obxectivos que se perseguen coa futura dotación da estación intermodal de Santiago de Compostela. Neste senso, considerase prioritario evitar que os viaxeiros deban cruzar as vías rodadas nos seus desprazamentos peonís dentro do recinto da estación.

Ademais, preténdese activar a accesibilidade dos viaxeiros con orixe/destino á estación de autobuses e da zona sur da cidade mediante percorridos tan curtos e de fácil interpretación como sexa posible. Tamén, procurarase un esquema tanto de saídas e chegadas como de circulacións internas con orixe/destino o edificios da estación que acurte os percorridos, minimice os desniveis a salvar, evite os cruces de recorridos e ofreza unha relación atractiva coa oferta comercial.

Por último, estudaranse e propoñeranse procesos construtivos que impliquen a mínima afección das obras á explotación ferroviaria co fin de asegurar, na medida do posible, o mantemento do servizo tanto no que se refire a praia de vías como o edificio da estación. Igualmente, buscarase a máxima calidade arquitectónica e integración urbana da estación que poida sacar proveito da súa situación privilexiada a tan so 15 minutos camiñando ao centro histórico da cidade.

Tras finalizar o trámite ambiental, e de acordo co deber de transparencia e información á cidadanía, o informe de impacto ambiental será publicado no Diario Oficial de Galicia e o seu texto poderá ser consultado polo público a través da páxina web institucional da CMOT.

Estación intermodal de Santiago

A Consellería de Infraestruturas e Vivenda, o Ministerio de Fomento e o Concello de Santiago están a impulsar conxuntamente o desenvolvemento da estación intermodal como unha infraestrutura estratéxica para as comunicacións e a configuración urbana da cidade.

Este proxecto conxunto comprende a adaptación da terminal ferroviaria ás nacesidades da alta velocidade, a construción dunha nova estación de autobuses e a conexión entre ambas a través dunha pasarela. Ademais de facilitar un intercambio áxil e seguro entre os distintos modos de transporte, este proxecto contribuirá a conectar entre si os barrios da cidade.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar