115 dispositivos de control de alcohol e drogas en menores a semana pasada

Axentes do grupo de Menores da Policía Autonómica levaron a cabo durante a pasada semana un total de 115 inspeccións de control, nun total de 10 dispositivos en 7 concellos galegos.

Por parte dos distintos grupos de Menores da Policía Autonómica da Coruña, Santiago, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo, nesta pasada semana realizáronse 10 dispositivos de control de menores en risco de desamparo (absentismo escolar e consumo de alcohol/tabaco e drogas en menores de idade), nos concellos da Coruña, Boiro, Negreira, Santiago de Compostela, Ourense, Pontevedra e Viveiro.

Como resultado do dispositivo levado a cabo, foron levantadas 43 actas de infraccións: 28 por consumo de alcol en menores e 3 por venda; 2 actas de infracción por consumo de drogas; 1 por consumo de tabaco e 3 por venda; e 6 por consumo de alcol e tabaco. Foron identificadas 134 persoas e inspeccionadas 115 zonas de ocio, locais e centros comerciais.

A Policía Autonómica, dende a entrada en vigor da Lei 11/2010, de prevención de bebidas alcohólicas aos menores de idade, leva a cabo diversos dispositivos policiais por toda a Comunidade Galega, para velar polo cumprimento da mesma e previr o consumo deste tipo de bebidas polos menores de idade.

Nestes dispositivos, ademais das denuncias pola infracción da Lei 11/2010, tamén se informa aos propietarios dos locais do seu contido, das actuacións que deben levar a cabo para o cumprimento da mesma e evitar o consumo de alcohol entre os menores de idade, así como, que por parte da Policía Autonómica se continuará coas actividades necesarias para velar polo cumprimento da norma.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar