Pensar e traballar

Segundo o dicionario, pensar é examinar mentalmente algo con atención para formar un xuízo, formar ou mesturar ideas ou mesmamente xuízos na mente do pensante, procurando, coa axuda da imaxinación e da intelixencia, desenvolver ou crear algo, algunha cousa, por insignificante que sexa. Pensar é e non é, ao mesmo tempo. Non é o mesmo para todos; ten distintas acepcións que se van axustando en cada caso e que nos levan a entender, e incluso a comprender, como é menos frecuente do que sería conveniente. Pensar é un dos froitos da educación e da liberdade de pensamento, como moi ben indica Emilio Lledó,  leva ás persoas cara a liberdade de expresión, á que todos teñen ou temos dereito.

Se os políticos pensaran antes de falar, outro galo cantaría, outra cousa sería e poderíase restaurar a confianza. Xa non terían que pensar mal de si mesmos, tanto que fosen homes como que fosen mulleres, políticos profesionais ou achegados. Se os políticos pensaran, ou simplemente se escoitaran, sería posible atopar entendemento e detrás do entendemento viría o progreso que, por certo, se chega, obrigará a cambiar a forma de facelas cousas. Se chega ou cando chegue, nada poderá ser igual.

Imaxínanse vostedes, amigos lectores, aos 75 deputados do Parlamento de Galicia pensando xunto cos 135 do parlamento de Cataluña, os 75 deputados vascos e todos os outros das restante comunidades autónomas, incluídos os 109 do Parlamento de Andalucía. Non se pode imaxinar, pero, que bonito sería ver aos 350 deputados no Congreso pensando!, conxuntamente  cos 266 representantes do pobo na Cámara Alta. Milleiros de persoas mergulladas nas súas reflexións, lembrando ao Pensador que creou Rodin.

Milleiros de ben pagados pensadores, moitos deles incorporados á acción como se fosen profesionais, con retribución salarial, cada un deles, nove ou dez veces superior á de calquera graduado universitario, xubilado ou traballador do gremio que vostede queira, deses que teñen que espremer o cerebro para extraer o zume do caldo de cada día. O mundo vai ao revés e, como indicaba Mario Benedetti, para a clasificación das clases sociais cómpre ter en conta as horas ás que cadaquén se deita e se levanta da cama. Bos días!

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar