Lugo acolle os Xogos do Eixo Atlántico

Lugo acolleu este martes a cerimonia de inaguración dos XII Xogos do Eixo Atlántico, que por segunda vez na historia desta cita deportiva, e por primeira vez en Galicia, se celebran simultaneamente en tres cidades, Lugo, Sarria e Monforte. En total nestes xogos participarán 1.850 mozos e mozas menores de 16 anos, o que os converte nos segundos máis participativos da súa historia, e contarán coa presenza de 29 municipios de Galicia e Portugal, 14 galegos -ademais de Lugo, Monforte e Sarria, Ourense, Pontevedra, O Carballiño, Santiago, Barco de Valdeorras, Carballo, Vigo, Vilagarcía, Riveira, Narón e A Coruña- e 15 lusos -Macedo de Cavaleiros, Matosinhos, Porto, Famalicão, Braga, Peso da Régua, Braganca, Maia, Vila Nova de Gaia, Vila Real, Valongo, Viana do Castelo, Guimaraes, Eurocidades Chaves-Verín e Santa María da Feira-.

O acto arrincou cun desfile, dende a Praza de San Marcos ata a Praza de Santa María, pasando pola Praza Maior, onde a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e o Presidente do Eixo Atlántico, Ricardo Río, izaron a bandeira deste evento deportivo. Ademais das delegacións dos deportistas, nesta ocasión na marcha participaron catro elementos etnográficos da Eurorrexión. Abriron o desfile unha representación de romanos de Lugo -das asociacións Cohors III Lucensium, Guardia Pretoriana, Senatus Lucus Augusti e Lucus Equites-; polo medio incorporáronse os cabezudos da Nosa Señora de Agonía (Viana do Castelo), despois os cigarróns de Verín e, por último, os caretos de Macedo de Cavaleiros e Bragança. O desfile, no que tamén participou Cantigas e Frores rematou na Praza de Santa María, onde tiveron lugar as intervencións a cargo da
rexedora de Lugo, Lara Méndez, o Presidente da Deputación, Darío Dampos, e o Presidente do Eixo Atlántico, Ricardo Río, nun acto ao que tamén asistiu a Alcaldesa de Sarria, Pilar López, o rexedor de Monforte, José Tomé, e o Secretario Xeral do Eixo, Xoán Vázquez Mao, así como o Concelleiro de Deportes, Miguel Fernández, e o Deputado de Deportes, Pablo Rivera, entre outras autoridades.

No transcurso do acto, Méndez, que non podía ocultar a satisfacción de poder inaugurar por primeira vez en Lugo estes xogos, deulle a benvida á cidade ás diferentes delegacións e desexoulles moita sorte nesta competición, que ademais de promover a sana práctica deportiva cohesiona os municipios do Noroeste Peninsular e contribúe a vertebrar o territorio. Así mesmo pediu non perder a perspectiva do que este acontecemento supón para toda a Eurorrexión, “fixo máis por sentirnos europeos o Erasmus que un millerio de reunións. Fan máis os Xogos por sentirnos veciños da Eurorexión, que un milleiro de seminarios”. Para rematar pediu respecto e compañeirismo aos mozos e mozas nas distintas competicións

Pola súa banda, Campos agradeceu “a todos e cada un dos case 2.000 rapaces e rapazas dos 29 municipos por facer realidade a celebración en Lugo a duodécima edición desta proba deportiva única en Europa, e por facelo en diferentes escenarios de tres concellos emblemáticos da nosa provincia, como son o de Lugo, Sarria e Monforte de Lemos”. O mandatario provincial, quen lles desexou moita sorte, convidounos a gozar tanto do deporte como da provincia.

Distincións
Durante a cerimonia de inauguración fíxose entrega do trofeo do Xogo Limpo Nelson Cardoso á delegación do municipio de Vila Nova de Gaia. Ademais entregouse uunha placa conmemorativa a modo de homenaxe a dous funcionarios da área de deportes, un galego, Miguel Domínguez, e outro portugués, Vicente Sousa, pola súa implicación nas actividades de promoción do deporte impulsadas desde o Eixo Atlántico.

Competicións en 7 modalidades
As competicións arrincarán mañá e prolongaranse ata domingo. Lugo acollerá as modalidades de fútbol, no campo municipal das Gándaras, baloncesto, no Pazo Provincial dos Deportes, atletismo e atletismo adaptado, nas Pedreiras, e natación e natación adaptada nas piscinas municipais de Frigsa. Pola súa banda, as competicións de voleibol celebraranse en Monforte e as de balonmán e ximnasia rítmica, deporte novidade desta edición, en Sarria. Por último a clausura terá lugar o día 9, no Vello Cárcere, data na que tamén se celebrarán as finais.

Deporte e promoción da cultura
Un aspecto a destacar desta edición é que por primeira vez se vai integrar a celebración dos Xogos coa promoción da cultura do país no que non se celebra a competición, neste caso Portugal. Nesta edición, e a través dun acordo establecido entre o Eixo e o Instituto Camões de Vigo están previstas distintas actividades culturais durante a semana dos Xogos en Lugo, Sarria e Monforte. Así, haberá exposicións sobre a cultura e a historia do cine en portugués en Sarria e Monforte; e en Lugo o Vello Cárcere acollerá a proxección dun filme portugués e de curtas e unha peza de teatro dedicada á lingua portuguesa.

Retorno económico
É a primeira vez que esta cita deportiva, cun retorno económico aproximado de 700.000 euros entre os tres lugares, ao ser capaz de reunir a preto de 6.000 persoas entre participantes e organizadores, se celebra en Lugo. Faino grazas aos Concellos de Lugo, Monforte de Lemos e Sarria, a Deputación de Lugo e o propio Eixo Atlántico.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar