Comeza a misión comercial USA-Ourense, promovida pola Deputación

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, inaugurou  xunto aos congresistas nortamericanos Patrick Meehan e Linda Sánchez, republicano e demócrata; o conselleiro para Asuntos Económicos da Embaixada de Estados Unidos en España, Thomas Reott, e o presidente da Fundación Advanced Leadership, Juan Verde, a segunda edición da Misión comercial USA-Ourense, que reúne entre hoxe e mañá venres na provincia de Ourense a unhas cen empresas de ámbolos dous territorios, unha iniciativa pioneira en Galicia, na que se analizan canles de negocio e cooperación nos sectores agroalimentario, tecnolóxico, medioambiental, turístico, distribución, consultoría, enerxía e fondos de investimento.

A provincia de Ourense presentou hoxe ás empresas de Estados Unidos o seu potencial nos ámbitos agroalimentario, termal e tecnolóxico, entre outros sector, por medio dos encontros bilaterais que teñen lugar no Centro Cultural “Marcos Valcárcel” entre empresas e entidades ourensás e estadounidenses. Compañías dos sectores vitivinícolas, distribución, alimentación, termalismo, turismo, medio ambiente, tecnoloxía, e dos ámbitos da consultoría, así como institucións empresariais e académicas están a manter reunións ao longo do día para explorar liñas de colaboración comercial, promoción e transferencia tecnolóxica, que redunden en maior competitividade.

No seu discurso inaugural, Manuel Baltar destacou que estamos diante da constatación dunha realidade, “que é o éxito da misión comercial celebrada en 2016, a petición do empresariado de Ourense, que repetimos agora en 2017 cunha Administración norteamericana diferente e con 22 corporacións do país máis potente do mundo, que veñen a Ourense para contactar con máis de 70 empresas de Ourense para establecer acordos en diferentes ámbitos da actividade económica, do cal estamos satisfeitos por poder xerar este espazo de oportunidades para Ourense”.

A xornada de hoxe permitirá ás empresas norteamericanas coñecer o tecido produtivo da provincia de Ourense, así como as institucións públicas que traballan no noso territorio e os seus programas específicos de axudas á internacionalización, e por suposto, os encontros bilaterais entre empresas, “un formato novidoso, práctico e resolutivo dos que temos a experiencia da edición anterior, na que se celebraron máis de 200 reunións, moitas das cales culminaron en importantes acordos comerciais”, afirmou Manuel Baltar, quen remarcou “o carácter singular de moitos sectores de actividade da nosa provincia, entre os que destacan sectores como o agroalimentario, o a lousa, o turístico e o tecnolóxico, sen esquecer que contamos cunha posición estratéxica internacional, ese linde con Portugal que determina que Ourense é a provincia de España co maior número de quilómetros de fronteira internacional, unha posición xeo-estratéxica que serve de referente para empresas foráneas para investir en Ourense e para a internacionalización das nosas empresas”.

No ámbito académico e de transferencia tecnolóxica, o Campus de Ourense terá oportunidade no marco desta misión USA-Ourense de establecer contactos coa Chapman University, da mesma maneira que o fixo en Israel coa Universidade de Tel Aviv –considerada entre as dez mellores do mundo-, alianzas propiciadas pola Deputación de Ourense co obxectivo de establecer liñas de investigación e tamén para abrir novas oportunidades de negocio para empresas ourensás dos ámbitos tecnolóxico, agroalimentario, turístico e industrial, entre outros sectores.

“Esta misión atende a unha visión global de provincia, e temos que aproveitar estas bazas, como a que estes días se nos presentan con empresas e entidades de Estados Unidos para establecer acordos importantes de desenvolvemento, riqueza e emprego par a provincia de Ourense”, destaca Manuel Baltar.

O programa da primeira xornada inclúe relatorios sobre a xestión comercial de USA e España, paneis que se celebraron pola mañá, xunto co acto inaugural da misión, para proseguir cos encontros entre empresas estadounidenses e ourensás. Neste sentido, o conselleiro para Asuntos Económicos da Embaixada de Estados Unidos en España, Thomas Reott, e a directora de Finanzas e Investimento do Instituto Español de Comercio Exterior (ICEX), María Jesús Fernández, expuxeron nos seus relatorios aos empresarios ourensáns e estadounidenses as oportunidades de negocio de ámbolos dous territorios. Pola tarde teñen lugar as entrevistas one to one entre empresarios e representantes institucionais Ourense-USA, e mañá venres será a quenda para a visita dos empresarios norteamericanos a centros produtivos da provincia de Ourense e o acto de clausura da misión comercial, que terá lugar no mosteiro de Oseira.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar