Todo listo para a misión USA-Ourense

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar visitou no Centro Cultural “Marcos Valcárcel” os espazos que se están a acondicionar para acoller as actividades relacionadas coa segunda misión comercial USA-Ourense, que reunirá ao redor de cen empresas e institucións relacionadas co ámbito comercial. Neste encontro, empresarios e representantes institucionais analizarán canles de negocio e cooperación nos sectores agroalimentario, tecnolóxico, medioambiental, turístico, distribución, consultoría, enerxía e fondos de investimento.

O programa da primeira xornada inclúe relatorios sobre a xestión comercial de USA e España, paneis que se celebrarán pola mañá, xunto co acto inaugural da misión, para proseguir cos encontros entre empresas estadounidenses e ourensás. Neste sentido, o conselleiro para Asuntos Económicos da Embaixada de Estados Unidos en España, Thomas Reott, e a directora de Finanzas e Investimento do Instituto Español de Comercio Exterior (ICEX), María Jesús Fernández, exporán nos seus relatorios aos empresarios ourensáns e estadounidenses as oportunidades de negocio de ámbolos dous territorios.

Pola tarde terán lugar as entrevistas one to one entre empresarios e representantes institucionais Ourense-USA, “unha nova oportunidade para o emprendemento e a internacionalización, que a Deputación pon a disposición das empresas de Ourense para seguir ampliando horizontes comerciais e crecendo en competitividade”, afirma Manuel Baltar. O presidente do goberno provincial considera que a misión comercial USA-Ourense, “que se organiza a iniciativa do tecido empresarial ourensán, é unha excelente canle para tender pontes entre empresas e corporacións ourensás e norteamericanas, que posibilite ampliar as expectativas de negocio das empresas de Ourense e tamén das americanas con relación ao noso territorio”.

Manuel Baltar remarca que este tipo de misións comerciais se celebran habitualmente en capitais de países ou en grandes cidades do mundo, “e o feito de que por segundo ano realicemos este encontro en Ourense significa un apoio á nosa internacionalización empresarial e tamén desde o punto de vista das empresas de Estados Unidos, que valoran da provincia de Ourense a situación estratéxica, ao estar lindando con Portugal, e o noso potencial termal, o maior de Europa”.

Segundo o presidente da Deputación, “serán dous días de estreitar relacións comerciais e de poñer en común proxectos para xerar riqueza, competitividade e emprego na provincia de Ourense”.

A misión contará coa participación de representantes do Congreso dos Estados Unidos, o congresista republicano Patrick Meehan e a demócrata Linda Sánchez, sendo o obxectivo deste encontro empresarial é impulsar as relacións entre empresas de Ourense e Estados Unidos en sectores que favorezan sinerxias e a creación de emprego na provincia ourensá. Encontros bilaterais, paneis informativos, relatorios sobre internacionalización e investimento conforman o programa de actividades desta segunda Misión USA-Ourense, no que tamén participarán expertos en comercio exterior e representantes da Confederación Empresarial de Ourense (CEO), e da Cámara de Comercio de Ourense.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar