Segunda misión comercial USA-Ourense que organiza a Deputación

 

Aredor de cen empresas e institucións relacionadas co ámbito comercial (75 ourensás e 22 estadounidenses) daranse cita os vindeiros 6 e 7 de xullo en Ourense na segunda edición da Misión comercial USA-Ourense, un encontro empresarial no que empresarios e representantes institucionais analizarán canles de negocio e cooperación nos sectores agroalimentario, tecnolóxico, medioambiental, turístico, distribución, consultoría, enerxía e fondos de investimento.

O Centro Cultural “Marcos Valcárcel”, Allariz e o mosteiro de Oseira serán os escenarios onde se desenvolverán os actos programados de apertura e clausura, así como as conferencias e os encontros de networking entre empresas e institucións. A misión contará coa participación de representantes do Congreso dos Estados Unidos, o congresista republicano Patrick Meehan e a demócrata Linda Sánchez, sendo o anfitrión o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e contando coa coordinación e organización a cargo de Juan Verde, presidente da Fundación Advanced Leadership.

O obxectivo da misión é impulsar as relacións entre empresas de Ourense e Estados Unidos en sectores que favorezan sinerxias e creación de emprego na provincia ourensá. “Será un encontro histórico –afirma Manuel Baltar-, como xa o foi na primeira edición que celebramos en 2016, entre empresas de Ourense e de Estados Unidos, que posibilitará ao mercado estadounidense coñecer o potencial que ofrece a provincia de Ourense e as súas empresas”. Encontros bilaterais, paneis informativos, relatorios sobre internacionalización e investimento conforman o programa de actividades desta segunda Misión USA-Ourense, no que tamén participarán expertos en comercio exterior e representantes da Confederación Empresarial de Ourense (CEO), e da Cámara de Comercio de Ourense.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar