A Coruña:O Goberno municipal reclama a execucion da conexión ferroviaria co Porto

O grupo que sustenta o Goberno local presenta no pleno municipal de hoxe unha moción para esixir ao Goberno do Estado que dote de fondos necesarios o proxecto para o desenvolvemento económico da conexión ferroviaria do Porto Exterior da Coruña. A iniciativa pon de relevo que o investimento nesta conexión, cuxa Declaración de Impacto Ambiental (DIA) foi aprobada o pasado luns e que carece de partida específica nos Orzamentos Xerais do Estado deste ano, “é unha condición fundamental” para a viabilidade da infraestrutura de Punta Langosteira. Tal e como se recolle no documento que será sometido ao Pleno ordinario de mañá, a aprobación da DIA do Proxecto de Conexión Ferroviaria de Punta Langosteira, publicada no BOE do 26 de xuño e que levaba máis dun ano en espera de recibir informe positivo do Ministerio de Medio Ambiente, solventa un dos requisitos imprescindibles para a redacción e aprobación definitiva do proxecto construtivo e a execución da conexión ferroviaria, “pero non dá resposta a necesaria dotación orzamentaria para a construción dunha infraestrutura que, segundo recollen todos os informes de viabilidade do Porto Exterior e do Tribunal de Cuentas, resulta esencial para a viabilidade funcional e operativa do Porto Exterior e para o futuro sostemento económico-financeiro de Punta Langosteira”.

O texto lembra que “a operatividade en plenas garantías” do Porto Exterior, unha infraestrutura que considera “clave” para o desenvolvemento da cidade, “é unha condición necesaria para a sustentabilidade económica e financeira da Autoridade Portuaria da Coruña, cuxa débeda a longo prazo supera os 300 millóns de euros e que está derivada, en gran medida, pola execución das obras de Langosteira”. “A operatividade do Porto Exterior no menor prazo posible resulta fundamental para garantir a viabilidade económica da Autoridade Portuaria, cuxo equilibrio da situación patrimonial debe vir dado pola xeración de recursos a través da actividade de negocios, e non a costa da privatización de terreos que, historicamente, son patrimonio da cidadanía e deben quedar en mans e xestión pública”, sinala a moción, que destaca que a Cámara municipal xa aprobou mocións neste sentido. Así, o grupo que sustenta o Goberno busca o acordo da Corporación para solicitar ao Estado o alixeiramento da carga financeira que soporta a Autoridade Portuaria, derivada dos préstamos de financiamento para a construción do Porto Exterior, así como da inclusión de medidas de flexibilización de pago, “unha petición que, tal e como indica o texto, “é similar a que se está a facer e negociar noutros concellos do Estado”.

A maiores, a moción busca instar ao Goberno central a modificar a normativa estatal portuaria, en concreto do Fondo de Financiamento de Accesibilidade Terrestre, aos efectos de amparar a axuda e financiamento directo de Portos do Estado ás obras de construción, substitución e modernización das infraestruturas portuarias, incluídas as de acceso, en virtude da modificación do Regulamento 652/2014 aprobada o pasado 17 de maio pola Comisión Europea no relativo ás axudas en materia deste tipo de infraestruturas, segundo a cal os Estados poden efectuar investimentos públicos de ata 150 millóns de euros nos portos marítimos, incluídos os seus accesos –por conexión de estrada ou ferroviaria– así como o dragado dos portos.

Refuxio no Estado Español

Por outro lado, o grupo de Goberno tamén presentará mañá ante a Cámara outra moción baseada na Declaración de Barcelona sobre As Cidades ante a realidade do Refuxio no Estado Español, para instar ao Goberno central a dar cumprimento aos acordos da Comisión Europea de maio de 2015 de recolocación e asentamento de persoas refuxiadas, nos que se comprometeu a dar acollida de 17.337 persoas refuxiadas. Na mesma declaración, as cidades asinantes, entre as que se atopa A Coruña, recordan “o compromiso de colaboración activa que sempre amosaron no proceso de apertura de prazas para persoas refuxiadas”, así como no desenvolvemento do Programa Estatal de Refuxio, polo que a través da moción esixirase ao Goberno central a reformular o procedemento de atención social aos a ás solicitantes de asilo, e que estableza sistemas de coordinación eficientes coas comunidades autónomas e as principais cidades, de forma “que se permita contar con información actualizada sobre os continxentes de persoas refuxiadas trasladadas aos municipios, así como información sobre a súa chegada efectiva e a previsión anual”.

Ao fío, o texto tamén insta a Administración central a proporcionar información pormenorizada do destino dos Fondos de Asilo, Migración e Integración (FAMI) procedentes de Europa “para asegurar que se destinan á acollida de persoas que buscan refuxio”. Tal e como indica a moción, este fondo proposto pola Comisión Europa está dotado dun total de 3.317 millóns de euros para o período 2014-2020 para facer fronte –desde os distintos estados membros–, á chamada Crise dos e das Refuxiadas, “pero os municipios do Estado Español que queren desenvolver plans de acollida non poden acceder a estes fondos”, polo que se solicita, tamén a previsión dun mecanismo para co-financiar os custos derivados dos procesos de atención e integración das persoas migrantes facilitando o acceso a aqueles fondos europeos “para poder optar o desenvolvemento de programas municipais de acollida complementarios ao Programa Estatal, “tal e como sucede noutros países da Unión Europea”.  “A falta de coordinación”, segundo expón o texto, “xera uns impactos a nivel local que obrigan a destinar unha gran cantidade de recursos para asegurar un mínimo de dignidade, circunstancia que podería afrontarse con moita máis eficacia cunha mínima coordinación e a través dos marcos dunha relación de lealdade institucional”. A maiores, a iniciativa buscará solicitar unha reunión de carácter urxente entre os municipios e o Ministerio de Emprego e Seguridade Social, co obxecto de abordar “unha solución satisfactoria”.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar