Que se biquen PP e PSOE

Eu son unha alma cándida e non se me dá o pensar mal. Se non fose así, eu berraría entusiasmado: “que se biquen, que se biquen…”. A PSOE e Podemos? Non, a PSOE e ao PP. Que?

Só a unha persoa malpensante se lle pode ocorrer esa idea de que PP e PSOE andan a parrafear por detrás, sen que os veciños o saiban. A min non.

Tampouco é que non puidese pasar… Pero non hai máis que ver e escoitar como o PSOE semella que lle fai as beiras a Podemos, con parzamiques de sofá incluídos entre Sánchez e Iglesias. E o “novo” Sánchez fala do espírito do 15-M, esquecendo cando os cualificaba de “antisistema” e aínda rescatou o de “estado plurinacional”.

Pura propaganda política, diría eu se fose un malpensado do diaño.

Pero non se queda aí o “novo PSOE”. Deciden absterse na ratificación do Tratado de Libre Comercio entre a UE e Canadá (CETA), logo de estar entre os que o redactaron e negociaron.

Se eu puidese pensar mal do PSOE, diría que esa abstención non é máis que “un si vergoñento”, pois, na práctica, están a votar a prol da ratificación do acordo.

Como escribiu alguén na rede e, aínda que o semelle, non foi Mariano Raxoi: “O PSOE vota a prol do CETA, do que está totalmente en contra, por iso se vai abster”.

Déanlle outra volta e xa verán como o entenden.

E o seu partenaire, o PP, agochado por detrás da silveira, que fai? Insúltao en público.

Chámalles “podemitas”, din que se radicalizaron, que queren rachar España, que poñen en perigo a UE,… O demo que os fundou, refundou ou os afundiu!, que eu xa non sei o que verdadeiramente pasou.

Se é así, por que se lle vai dar a alguén por pensar mal… Sempre os hai renartes. Sempre. E danlle voltas e reviravoltas a todo. Así que, dentro da súa lóxica de remoer en seco, son capaces de concluír todos sabidos que, se un enxerga ben, os insultos do PP contra o “novo PSOE” non son máis que un xeito de facerlle a campaña ao Sánchez e, na práctica, tentar reducir a Podemos e os amigallos, que niso de gobernar aínda non son nada de fiar. E o PSOE, sexa o que sexa, é un partido de orde, do sistema, e aínda que os de Podemos cumpren o seu papel, fáltalles un fervedoiro.

Así que na puxa electoral de socialistas e podemitas, cun PSOE que se arreconchega aos de Iglesias para captar os millóns de votos que mudaron de siglas, aí está o PP arrimando o ombreiro para que os desencantados socialistas crean ese xiro.

Non se preocupen, tempo ao tempo. E cando cheguen as témporas, os socialistas estarán en disposición de crear unha comisión no Congreso para reconducir o “problema catalán”.

O amor, que digo, a política, tenlles estas cousas: hoxe por ti, mañá por min. Non pensen mal. Atinarán.

Afonso Eiré é xornalista e colaborador habitual de El Correo Gallego

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar