Ourense:
150 anos do Grupo Cuevas no sector alimentario

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, destacou no acto de presentación das obras gañadoras e finalistas do I Concurso “Ignacio de las Cuevas” de creatividade artística, “os 150 anos de creatividade e innovación no sector alimentario do Grupo Cuevas, referente na nosa provincia e identificado con Ourense, unha empresa traballadora, creativa e emigrante, características de Ourense e dos seus habitantes”. O presidente do goberno provincial felicitou ao director xerente do Grupo Cuevas, Artur Yuste, “por seguir innovando día a día nun sector tan esixente como o alimentario e polo altruismo que supón poñer en marcha unha iniciativa cultural como este certame”.

Baltar afirmou que o Grupo Cuevas “fai un servizo á sociedade poñendo a disposición de todos o talento dos participantes neste concurso”, “un ámbito cultural –dixo- co que colabora tamén a deputación coa Escola Provincial de Artes e Oficios, co Centro Cultural “Marcos Valcárcel”, co Teatro Principal e outorgando galardóns nas disciplinas literarias e das artes plásticas, un eido cultural que este ano ten unha especial relevancia con Día das Letras Galegas dedicado a un dos ourensáns máis senlleiros como é Carlos Casares”. “Ourense é creatividade –remarcou Manuel Baltar-, e hoxe estamos nun acto de compromiso con Ignacio de las Cuevas e de futuro a prol da nosa cultura”.

O certame, que forma parte das actividades conmemorativas do século e medio de existencia deste grupo empresarial, distinguiu co primeiro premio, dotado con 5.000 euros, ao coruñés Fernando Fernández Páez, polo retrato fotográfico “O instante”, correspondendo a Mención especial Abanca Novos talentos, dotada con 2.500 euros, á ourensá Inma Vilanova pola fotografía titulada “Saba”.

O xurado estivo presidido por César Taboada, director da Escola de Arte Superior e Deseño de Ourense; Jaime Conde, presidente da Asociación Creatividade Galega; Antonio Suárez, artista e deseñador gráfico, e Artur Yuste, director xeral do Grupo Cuevas.

A mostra coas obras gañadoras e cos 34 traballos finalistas expoñerase na Molinera ata o vindeiro 3 de xullo, unha exposición na que se amosa unha novidosa reflexión e unha orixinal mirada dos autores sobre a relatividade do tempo, empregando ata 18 técnicas diferentes en distintos soportes gráficos.

O alcalde de Ourense expresou no acto a importancia que supón “que unha iniciativa privada poña en marcha unha exposición como esta, na que se fomenta a creatividade e a innovación, igual que leva facendo o Grupo Cuevas ao longo de 150 años”. Pola súa banda, Artur Yuste destacou a traxectoria de Cuevas, “o grupo de alimentación de máis rápido crecemento en Galicia, formado por cinco sociedades, presente en 30 países, e que conta con máis de 500 traballadores e uns 200 empregos indirectos”, “un grupo empresarial –dixo- que pon en marcha este concurso, que servirá de impulso para as artes plásticas e para que os creadores sigan innovando e achegando esa imaxe crítica sobre a nosa sociedade”.

As obras gañadoras e finalistas formarán parte dunha exposición itinerante, integrada nos actos conmemorativos do 150 aniversario do Grupo Cuevas, mostra percorrerá as principais cidades galegas entre xullo e setembro, e que rematará o seu percorrido novamente en Ourense.


© 2011 Galega de Comunicación e Información, S.L.U. - Aviso legal - Contacto