Foise co vento


Cando Núñez Feixoo decidiu anular o concurso eólico do BNG a súa decisión estaba apoiada por unha parte do PSOE, que, igualmente que o PP, obedecían aos intereses oligárquicos madrileños, a peaxes partidarias e a algúns intentos de beneficiarse persoalmente. Foi, sen dúbida, a decisión gobernamental máis nefasta que se tomou en Galiza neste século.

En seis anos non só non se puxeron en marcha ningún dos parques eólicos que logo concedeu o goberno do PP, senón que tamén quedaron paralizados todos os proxectos industriais que ían emparellados ao concurso. Proxectos que terían mudado a nosa face económica.

A decisión tomada por Feixoo realizouna no momento máis inoportuno: cando o Goberno do estado se dispuña a mudar as condicións. E mudounas. Non o sabían na Xunta? Pesaron máis as razóns políticas de atacar aos nacionalistas que os intereses dos galegos? Ou só se tivo que pregar Feixoo aos intereses oligárquicos e partidarios madrileños?

Para entendernos aínda os máis leigos no asunto: até daquelas convocábase un concurso eólico; as empresas presentaban un proxecto dun parque en cuestión e se cumprían os requisitos e lle concedían a explotación, tiñan tamén o dereito a unha retribución que pagaba o sistema eléctrico; ademais, debían realizar uns determinados investimentos en proxectos na comunidade.

Como eran moitos os parques que se pedían, o Goberno central decidiu pórlle coto ao sistema, creando un rexistro pechado no que as empresas se apuntan e demandan MW, ofrecendo a electricidade a un prezo determinado. Seguindo eses criterios, o Goberno central realiza as concesións para parques. Acabáronse as axudas!

Esas empresas poderán construír non só onde mellor lles pareza, senón negociar contrapartidas con autonomías, concellos e propietarios para sacar as mellores condicións posíbeis.

Desapareceron as contrapartidas de investimentos, desapareceu a regulación que beneficiaba a Xunta (cesión de potencia), desapareceu a regulación que beneficiaba directamente a veciños e concellos.

E agora o goberno Feixoo quérenos vender que a última poxa, imposta por Bruxelas, é un grande logro para Galiza. É certo que empresas que tiñan a concesión de parques na nosa nación saíron beneficiadas nesta poxa, como Gas Natrual-Fenosa, ou Norvento ou Endesa, pero tamén o é que, en primeiro lugar, non teñen ningunha obriga de construír aquí os parques eólicos e, en segundo lugar, que as condicións para os galegos non teñen xa nada que ver con aquelas que impuxera o BNG no seu concurso e que, hai que lembralo, tiveron o referendo da Xustiza contrariamente do que denunciaba o PP e certos intereses nada ocultos.

 

Afonso Eiré é xornalista e colaborador habitual de El Correo Gallego


© 2011 Galega de Comunicación e Información, S.L.U. - Aviso legal - Contacto