Galegos en Manhattan

 O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, participou no acto central do ‘Galician Cinema & Food Festival’, que se celebra ao longo desta semana en Manhattan e que nesta xornada se centrou na influencia de Galicia na historia e actualidade da cidade máis importante do mundo.

Así, proxectouse en primeiro lugar a película ‘Alén do Cosmos’, centrada na vida do galego, ex xogador do mítico club de fútbol Cosmos, Santiago Formoso, quen foi protagonista do día tras recibir, de man do representante da entidade deportiva, unha camiseta asinada por tódolos xogadores. No mesmo momento, Miranda fíxolle entrega tamén dunha camiseta oficial da selección galega de fútbol, co seu nome e o dorsal que decote empregaba, o 25.

 

 

O filme personaliza en Formoso a experiencia de milleiros de galegas e galegos que, coma el, chegaron un día a Nova York empurrados pola ansia de superación e a posibilidade dun mellor futuro para eles e os seus. Na proxección estiveron presentes, ademais de Miranda, a directiva do club, autoridades locais, unha ampla representación das colectividades galega e española, e o director do organismo anfitrión, o Instituto Cervantes en Nova York, Ignacio Olmos.

Trala proxección, interveu o director do filme, Pedro Pablo Alonso, e tivo lugar a presentación oficial e degustación dalgúns dos produtos galegos con denominación de orixe, en colaboración coas consellerías do Mar, e do Medio Rural. Trátase dun dos moitos eventos que, ao longo de toda a semana, está a dar a coñecer a actualidade e modernidade de Galicia, fundamentalmente da man das súas producións cinematográficas e gastronómicas, a milleiros de veciños e veciñas de Nova York.

 

TRADICIÓN XACOBEA

Na súa alocución aos presentes, moitos deles galegos e españois residentes na megalópole, Miranda fixo fincapé na tradición xacobea, que supón o principal argumento da proxección internacional de Galicia, e que enlaza directamente coa idiosincrasia actual da cidade dos rañaceos: “Desde a Antigüidade, recibimos a peregrinos e visitantes de todas as nacións, sentímonos especialmente cómodos en cidades que acollen a persoas de tantas razas, cores, relixións e culturas como Nova York”.Asegurou o secretario xeral que os produtos degustados no evento “son elementos que permiten recibir a sensación desta terra única, e o traballo e suor de tantos galegos ao longo dos séculos, desta terra do Camiño de Santiago e a tumba do Apóstolo, da Torre de Hércules, da Muralla de Lugo, da Ribeira Sacra, e de máis de 1.500 quilómetros de costa en tan pouco territorio”. Miranda afirmou tamén que degustar estes produtos “é moito máis ca alimentarse ben; é recibir a enerxía de todos eses homes e mulleres traballando ao longo de máis de vinte e un séculos”.

Tamén afirmou o secretario xeral da Emigración que “os galegos temos acadado cotas hai ben pouco inimaxinables de éxito en todo o mundo. Nos ámbitos empresarial, educativo, deportivo, económico, político, cultural, de todo tipo, hai un galego no cumio. Despois de séculos, hoxe somos -en boa medida grazas ao voso traballo- punta de lanza do continente, e do mundo”, asegurou.

 

20 MIL GALEGOS

Segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística a 1 de xaneiro de 2017, residen arestora nos Estados Unidos de América un total de 19.450 galegas e galegos, a metade procedentes da provincia da Coruña; dese conxunto da colectividade galega, un 60% (11.394) naceron xa na diáspora.

Esa mesma porcentaxe, en torno a seis de cada dez, é a que se calcula que conforman os galegos dentro da cidadanía española residente concretamente na cidade de Nova York e a súa contorna.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar