A Festa do Pan de Cea, este domingo

Carlos Rodríguez, Manuel Baltar e Xosé Luis Valladares.

 

O Concello de Cea organiza un ano máis a súa tradicional celebración gastronómica en homenaxe ao seu produto estrela, o Pan de Cea, produto elaborado en forno de leña seguindo un proceso artesanal que se transmitiu de xeración en xeración. A presentación desta festa gastronómica tivo lugar esta mañá no Centro Cultural “Marcos Valcárcel” da Deputación de Ourense, acto no que participou o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; o alcalde de San Cristovo de Cea, José Luis Valladares; e o presidente do Consello Regulador da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) “Pan de Cea”, Carlos Rodríguez.

Manuel Baltar destacou a importancia de continuar a celebrar esta festa que “xira entorno a un produto fundamental da nosa gastronomía e da nosa alimentación, un produto do que os ourensáns debemos presumir grazas ao labor que realizan hoxe os panadeiros dos fornos de San Cristovo de Cea e tamén o que desenvolveron os das xeracións anteriores, entre todos contribuíron a facer do pan de Cea un produto único, cen por cen ourensán, e que supón unha homenaxe as nosas tradicións”. A Deputación de Ourense apoia a “promoción e a exaltación deste festexo entorno ao Pan de Cea, onde o protagonista é un produto exclusivo, non hai ningún outro pan que teña esta consideración e que dure tanto en tan boas condicións”, sinalou o presidente do goberno provincial.

Carlos Rodríguez, quen explicou a programación prevista para a XXVI edición da Festa do Pan de Cea, sinalou que o programa de actividades deu comezo o pasado domingo coa celebración dunha andaina solidaria, e proseguirá o sábado, 1 de xullo, coa celebración da cuarta edición da Ruta dos Fornos, unha experiencia gastronómica por cinco antigos fornos de pan en Cea. En cada un deles, os visitantes poderán degustar xunto co pan, dun viño pertencente a algunha das cinco Denominacións de Orixe galegas. A ruta estará amenizada por unha charanga e grupos de música tradicional.
Ao día seguinte, o 2 de xullo, será a xornada grande da celebración, na que a IXP prevé vender arredor de 3.000 pezas deste produto. Os actos comezarán ás 10.00 horas cun pasarrúas a cargo de charangas e, ás 12.00 horas, será a recepción de autoridades para continuar co coa lectura do pregón ás 12.30 horas, que nesta edición correrá a cargo da reposteira Merchi Rodal e o cociñeiro Carlos Parra, do programa televisivo Larpeiros.

Ao igual que aconteceu en anteriores edicións, o acto central da celebración estará seguido pola homenaxe aos panadeiros xubilados do municipio de Cea, para seguir con música da man de Troula Group-Pandereteiras de Cea, actuación que dará paso ao tradicional xantar popular. Pola tarde, as actividades continuarán ás 20.15 horas cunha degustación popular de mexillóns, doados por Amegrove SC, xunto co Pan de Cea, para rematar coa actuación dunha orquestra.
Pola súa banda, José Luis Valladares agradeceu a colaboración da Deputación de Ourense, “para poder desenvolver esta celebración que ten por obxectivo dar a coñecer o produto estrela que temos en Cea porque o noso pan é un manxar en tódalas mesas nas que está presente”.

Na actualidade hai “17 fornos no rexistro de elaboradores da IXP, aínda que dentro de pouco tempo vaise a incorporar un forno máis”, dixo Carlos Rodríguez. En canto á produción, o presidente do Consello Regulador da Indicación Xeográfica Protexida asegurou que “no ano 2017 roldamos as 700.000 pezas, dos cales un 45% da produción vai para fóra de Galicia, aínda que hai algúns fornos que venden o 90% fóra de Galicia”.
O proceso artesanal de elaboración do Pan de Cea consta de seis fases: amasado, repouso, división da masa, reamasado, enfornado, cocción e rever.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar