Homenaxe a Xosé Leirós, presidente de Residentes de Mós en Bos Aires

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, recibiu no seu despacho á alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e a Xosé Leirós, emigrante galego na Arxentina que ven de ser nomeado por ese concello pontevedrés Fillo Predilecto, e que foi presidente da Asociación de Residentes de Mos en Bos Aires durante 17 anos.

A corporación mosense decidiu darlle a Leirós esta máxima distinción pola súa traxectoria na capital arxentina en favor de toda a colectividade galega, e como recoñecemento, na súa persoa, aos centos de veciños e veciñas dese municipio que deixaron a súa terra na procura dun futuro máis próspero, tanto para eles e os seus descendentes, como para os familiares que quedaban en Mos.

Dese vínculo imperecedoiro que uniu a Leirós e a centos de miles de emigrantes coma el, coa terra nai, é magnífico expoñente o legado daquelas pioneiras ‘escolas de indianos’, así chamadas porque estaban sufragadas polas achegas da diáspora, e nas que aprendían a ler e escribir os meniños do rural galego: foi o primeiro acceso de moitos rapaces -e tamén rapazas- ao ensino regrado, un feito ata entón inédito na historia galega. En Mos segue activa a Escola de Cototorrón, impagable doazón en prol da súa educación e loita contra o analfabetismo dos mosenses daqueles tempos, que hoxe alberga unha Escola Infantil.

Miranda asegurou na súa entrevista con Arévalo e Leirós que “neste paisano temos un exemplo senlleiro da capacidade de integración dos galegos na sociedade de recepción sen abandonar a cultura propia nin o cariño pola terra. Mais sobre todo, a lección que Leirós e tantos coma el nos ensinan, aos galegos de fóra e aos de dentro tamén, é o permanente afán de superación”.

ACTO OFICIAL

 

O pasado domingo tivo lugar en Mos a imposición oficial do nomeamento de Fillo Predilecto, acto ao que asistiron a presidenta do Congreso dos Deputados, Ana Pastor; a conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez; o delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves; os membros da Corporación Municipal; e, en ausencia de Miranda -presente na celebración do Centro Galego de Londres- acudiu en representación da Secretaría Xeral da Emigración o subdirector xeral de Retorno, José Carlos García Bouzas. Ademais do nomeamento como Fillo Predilecto de Leirós, o Concello entregou medallas ao mérito a diversas entidades e persoas locais.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar