crtvg.gal ofrece hoxe o concerto solidario a favor das víctimas do incendio de Portugal

A CRTVG será hoxe partícipe do concerto solidario que a RTP, entre outras canles portuguesas, retransmitirán a favor das vítimas dos tráxicos incendios forestais que asolaron o centro de Portugal hai uns días. Baixo o lema de “Juntos por Todos”, numerosos artistas lusos recoñecidos uniranse para recadar fondos de axuda para a considerada como unha das maiores traxedias da súa historia.

A Corporación RTVG non quererá deixar pasar esta oportunidade de facer chegar este chamamento social á colaboración a través da súa web. A partir das dez da noite, hora española (21.00 h., en Portugal), os usuarios de crtvg.gal poderán seguir en ‘streaming’ esta marabillosa acción solidaria en que interveñen 26 intérpretes de renome no país veciño.

Esta iniciativa, promovida por distintos axentes do mundo artístico luso, como Sons em Tránsito e Blueticket e medios de comunicación como a RTP, SIC e TVI, entre outros, contará no escenario do Meo Arena, no corazón do Parque das Nacións de Lisboa, coa participación de artistas de proxección internacional como Salvador Sobral, gañador do festival de Eurovisión 2017 coa canción “Amar pelos dois”; da súa irmá, Luísa Sobral, compositora do tema eurovisivo; Ana Moura, considerada como unha das fadistas de máis éxito da súa xeración e recentemente unhas das artista destacadas de “Luar”, compartirán escenario con outros cantantes que tamén pasaron polo musical da TVG, como Camané, Carminho ou Pedro Abrunhosa.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar