Lugo acolle o “Orgullo Gai”

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, os concelleiros de Benestar Social, Igualdade e Inclusión, Ana González Abelleira; Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico, Ana Prieto; e Deportes e Medio Rural, Miguel Fernández, participaron este venres na Praza Maior, xunto a membros da Corporación local e os deputados provinciais Álvaro Santos e Sonsoles López, no acto inaugural do Orgullo LGTBI: Lugo Diversx 2017, que consistiron no izado da bandeira LGTBI na Casa Consistorial e na lectura dun manifesto, no que os colectivos ARELAS e ALAS, e un activista reivindicaron respecto á diversidade e cambios normativos en Galicia para favorecer a integración.

A programación para conmemorar o Día Internacional do Orgullo LGTBI, que se celebra o vindeiro 28 de xuño, continuou seguidamente na Pazo de San Marcos, onde se colgou un cartel LGTBI, e no Museo Provincial, onde se inaugurou a mostra Nos+outrxs en Rede. Lugo Diversx. Redes da liberdade. que estará aberta ata o 30 de xuño. É unha mostra na que participan artistas de toda España, que achegan distintos tipos de pezas como debuxos, textos ou fotografías, produto das súas particulares reflexións arredor do Día do Orgullo.

O domingo, ás 12:30 horas, celebrarase o percorrido polo casco histórico As cores da Diversidade. Ás 13:30 horas terá lugar a solta de globos con mensaxes na Praza da Soidade. Durante a xornada haberá un xantar popular nos xardíns do Museo Provincial e un mercado solidario. Ás 18:00 horas comezará o obradoiro xuvenil sobre diversidade sexual, impartido por alumnos da Facultade de Ciencias da Educación do Campus de Lugo. Para rematar, ás 20:00 horas, na Praza da Soidade, terá lugar o concerto Pola liberdade de ser e sentir, no que actuarán os grupos Canela Cafuné e As Supremas de Lugo.

O mércores, ás 18:00 horas, no Museo Provincial de Lugo, terá lugar o obradoiro Arte como terapia, impartido polo artista transexual Kristopher Dios, co que reflexionará sobre a utilidade de crear como ferramenta de auto coñecemento, análise e sobre todo como terapia.

O venres, ás 18:00 horas, na sala de exposicións do Pazo de San Marcos, celebrarase o coloquio A Discriminación e a LGTBIfobia no deporte profesional.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar