“Raia termal”, un proxecto europeo para Ourense e o Norte de Portugal

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, xunto co presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, Francisco Marín, e os representantes das cámaras municipais de Melgaço e Terras do Bouro, Hilario Afonso e Joaquim Cracel, participaron no acto de constitución da xunta directiva do proxecto europeo Poctep “Raia Termal”, unha iniciativa que conta cun orzamento de máis de 2,6 millóns de euros (2.659.767 €), dos cales un 75% será co-financiado con fondos FEDER, e que ten como obxectivo crear unha rede de cooperación entre Ourense e o Norte de Portugal para potenciar a riqueza termal desta contorna transfronteiriza.

Baltar expresou ao remate da reunión que Ourense, “como a provincia termal que é, por historia, tradición e recursos, participa nesta iniciativa que permitirá potenciar económica e socialmente os recursos termais e os espazos naturais desta contorna da eurorrexión Galicia-Norte de Portugal”.

O acto constitutivo da xunta directiva do proxecto tivo lugar esta mañá no balneario de Lobios e contou tamén coa presenza dos alcaldes de Bande, Cortegada, Lobios e Muíños. Iníciase así un camiño de cooperación hispano-lusa ao redor do proxecto “Raia Termal” que pretende potenciar o sector turístico termal transfronteirizo, impulsando unha estrutura conxunta de cooperación en rede e deseñando e poñendo en marcha iniciativas para valorizar economicamente os recursos termais e os espazos naturais, impulsando o seu posicionamento nos mercados español, portugués e europeo. O ámbito de actuación abrangue as zonas termais transfronteirizas do río Miño (Cortegada e Melgaço) e do río Limia (Lobios, Bande e Muíños e Terras de Bouro).

O Ministerio de Agricultura, a través da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, convocou, como beneficiario principal do proxecto Poctep “Raia Termal”, a reunión constitutiva da xunta directiva como órgano de decisión, recepción e emisión da información do proxecto, que estará asistida por unha unidade de xestión e coordinación, nomeada no mesmo acto. As entidades promotoras do proxecto, capitaneadas pola Confederación Hidrográfica do Miño-Sil e a Deputación de Ourense, contan como socios coas cámaras municipais portuguesas de Melgaço e Terras de Bouro.

O proxecto estrutúrase en seis eixos de actuación, que van desde a vertebración dunha rede de termalismo transfronteirizo ata a recuperación ambiental e a posta en valor das contornas naturais de espazos termais, así como a valorización e recuperación de infraestruturas e elementos patrimoniais termais, a xestión conxunta e a promoción de recursos e itinerarios termais de fronteira.

Dentro das actividades que se contemplan en cada un dos eixos destaca a creación dunha folla de ruta para o impulso do Termalismo de Fronteira, actuacións puntuais para solucionar problemas de augas residuais existentes nas proximidades de entornos termais: a construción de sendeiros, así como a restauración arbórea e a recuperación, mellora e acondicionamento das ribeiras dos ríos netas áreas termais.

A xunta directiva do proxecto hoxe constituída tomará decisións de carácter substancial ou sobre modificacións que poidan afectar á natureza do proxecto, e nomeará aos compoñentes da Unidade de Xestión e Control. Asemade, acordará o Manual de procedementos, que detallará a xestión e control do proxecto. O marco temporal de previsto de execución do proxecto abrangue ata o 31 de decembro de 2019.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar