Comezan os “Reencontros” da emigración na sua Galicia natal

Os primeiros participantes da edición deste ano do programa “Reencontros na Casa”, iniciativa da Secretaría Xeral da Emigración, comezaron a chegar aos aeroportos de Santiago e A Coruña. Un dos dous grupos máis numerosos (45 residentes en Venezuela) foi recibido persoalmente polo titular do departamento, Antonio Rodríguez Miranda.

Miranda salientou que “este programa, como todos os que desenvolve a Xunta en favor dos galegos do Exterior, simbolizan o agradecemento e xusto recoñecemento ás importantes achegas que no seu día proviñan dos paisanos residentes fóra, e que en boa medida permitiron o avance e progreso na Galicia territorial”. O secretario xeral da Emigración asegurou asemade que desde a Xunta “seguiremos rendendo esta xusta homenaxe aos galegos que deixaron a súa terra nos momentos máis difíciles da nosa historia como pobo, e desde logo da súa propia historia persoal”.

Dos 153 beneficiarios, proceden de Arxentina 63, de Venezuela 55, por 22 de Uruguai, 8 de Cuba, e 5 do Brasil. Este programa ten por obxecto ofrecer a posibilidade de achegarse á súa terra, e a súa familia, aos galegos residentes nos diferentes países de Latinoamérica. A través desta iniciativa, facilítase que estes emigrantes teñan a oportunidade de redescubrir as súas raíces, así como poñerse en contacto coa realidade actual de Galicia, case sempre nos mesmos lugares nos que naceron. Para algúns deles, de feito, é o primeiro retorno á súa terra de nacemento, desde que iniciaran a súa nova vida noutros países.

A Galicia actual

A Secretaría Xeral da Emigración desenvolve, ademais destes ‘Reencontros na Casa’, un programa irmán, ‘Reencontros na Terra’, que ten lugar no outono, cun perfil similar de beneficiarios, pero coa diferenza de que son galegos con escasas ou nulas referencias familiares na Galicia territorial, e que veñen á terra residiren en instalacións da propia Xunta. Desta maneira, cada ano, máis de 300 paisanas e paisanos residentes no Exterior podan descubrir a Galicia actual e moderna, ben afastada daquela que no seu momento deberon deixar.

O papel da Administración galega, ademais de sufragar a parte correspondente da pasaxe, é o de velar pola súa saúde no traslado, e organizar coas familias o reencontro. Unha vez realizado este, son elas, as familias, as encargadas da manutención e hospedaxe dos beneficiarios da iniciativa. O programa permite que os beneficiarios estendan a súa presenza na Galicia territorial ata 45 días.

Os participantes do programa posúen nacionalidade española e son emigrantes galegos ou fillos de emigrante galego, residen en Iberoamérica, teñen polo menos 65 anos, son válidos por si mesmos, e están en condicións de realizar unha viaxe de longa duración, e ademais non teñen participado nos últimos cinco anos naturais en programas de viaxes da Secretaría Xeral de Emigración. Asemade, teñen acreditado familiares de ata cuarto grao de consanguinidade ou afinidade cos que poidan residir durante a súa estadía en Galicia, así como ter ingresos inferiores a tres veces o importe da pensión asistencial española por ancianidade marcada para o país de residencia (cantidade distinta á correspondente en España). Igualmente, poden beneficiarse en ocasións os cónxuxes dos emigrantes galegos que cumpran algúns destes requisitos, segundo establece a orde reguladora do programa.

Aínda que os participantes deben ter polo menos 65 anos, cómpre subliñar que a media de idade supera sempre con creces esta cifra, achegándose aos 75. De feito, a persoa con maior idade na edición deste ano de 2017, un galego residente na Arxentina, conta con 93 anos. De media, nos anos anteriores 4 de cada 5 participou por vez primeira na iniciativa, e algún deles non volvera a Galicia desde que decidira poñer rumbo ao seu novo fogar en Iberoamérica.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar