TVG retransmite hoxe a entrega das Medallas Castelao

A TVG retransmite hoxe en directo, desde a igrexa de San Domingos de Bonaval, o acto de entrega das Medallas Castelao 2017, coas que a Xunta de Galicia distingue cada 28 de xuño, coincidindo co retorno a Galicia dos restos de Castelao, a obra, en calquera faceta da actividade humana, de galegos e galegas merecedores do recoñecemento do resto da sociedade.

Un dos premiados é o presentador Xosé Ramón Gayoso, recoñecido por ser historia viva da Televisión de Galicia, canle en que comezou a traballar desde o mesmo día da súa inauguración e consagrado na actualidade como un dos rostros máis coñecidos da TVG, da man do programa “Luar”.

Os outros galardoados son o historiador Justo Beramendi, que consagrou a súa vida académica ao estudo das ideoloxías e do nacionalismo; a gaiteira Cristina Pato, que fixo historia ao recibir un Grammy; o Centro Oceanográfico de Vigo, que leva a cabo un importante traballo de formación de investigadores e técnicos sobre o medio mariño, e o Grupo Nove, colectivo de cociñeiros que leva desde 2003 reivindicando a modernidade e a vixencia da nova cociña galega.

O xornalista da TVG Xesús Fontenla será o encargado de presentar un acto que será comentado para os espectadores da canle autonómica por Xosé Manuel Maseda, a partir das 12.55 horas.

 

CASAMOS

 

O amor pode xurdir no lugar e no momento máis inesperado, como é o caso de Raquel e Diego, os protagonistas do programa “Casamos” desta noite, ás 22.00 horas. Din que do amor ao odio só hai un paso e así lle pasou a esta parella, que comezou a súa relación despois dunha disputa por unha praza de garaxe. Axiña iniciaron o seu romance e, malia as sorpresas das familias, aos poucos días xa estaban vivindo xuntos e só nuns meses xa estaban esperando o seu primeiro fillo, Iker.

Esta parella de Cambre está a punto de cumprir o seu último soño en común: pasar polo altar. Aínda que a súa idea inicial era facer unha cerimonia sinxela e íntima, acabaron por ceder antes as súplicas da familia e organizar unha voda por todo o alto. No enlace non faltará de nada: un vestido de princesa, unha igrexa de película e un pazo de conto de fadas.

 

QUE CASAS!

 

“Que Casas!” (00.15 h.) inicia unha nova andaina no mesmo centro da serra do Courel, que agocha a casa de Orlando, unha vivenda de lousa de construción tradicional que foi rehabilitada por el e que agora coida tan ben como fai coa montaña que a arrodea. A continuación, o programa viaxará ata o concello de Miño, onde o arquitecto coruñés Pablo García proxectou para a súa irmá unha casa de deseño contemporáneo con vistas á ría de Betanzos. Non moi lonxe, os espectadores poderán coñecer a Eva, que reformou co seu irmán a casa familiar, situada xusto fronte á praia de Razo, en Carballo.

En Santiago de Compostela, os reporteiros volverán ver unha cara coñecida do programa, a de Óscar Abadés, un deseñador de moda que mudou de casa e de barrio na capital galega, mais non ao seu gusto pola decoración. E para rematar, nun recuncho do concello ourensán de Sandiás, estará Pilar, que reformou unha vivenda familiar con métodos de bioconstrución, dun xeito absolutamente integrado coa súa contorna.

 

A REVISTA

 

“A Revista” visita hoxe o club Sincro Ourense, que a pasada semana conseguiu 14 medallas no Campionato Galego de Verán de Nivel de Natación Sincronizada, no cal participaron máis de 150 nadadoras. O programa falará con estas ourensás, que conseguiron un total de cinco medallas de ouro, catro de prata e cinco de bronce. Tras esta competición, ao club aínda lle quedan por disputar os campionatos de España de verán, alevín, infantil e xuvenil, onde esperan conseguir moi bos resultados.

Por outra banda, os reporteiros tamén viaxarán ata Monte Ventoso, en Ferrol. Alí visitarán un banco que ten unha historia moi especial da que é protagonista a Tato Robles, un home de 39 anos e veciño da zona, que quixo darlle unha sorpresa á súa amiga Mariquiña Sixto, que estaba a pasar un mal momento e para a que construíu, xunto ao seu fillo, un banco nun dos miradoiros máis coñecidos da zona. Desde entón, o lugar non deixou de recibir visitas e o programa contará cos protagonista para falar da repercusión que está a ter a súa historia.
tvG2
ZIGZAG DIARIO

O programa “ZigZag Diario” falará este mércores con Jaime Mateo, un dos membros da banda ourensá Os Amigos dos Músicos, que este verán están imparables, con moitos concertos na súa axenda. O grupo, formado por experimentados músicos que proveñen de grupos e tradicións diversas, quere reflectir na súa música toda a herdanza folk-rock galega, unindo tradición e modernidade. As súas composicións transitan entre melodías radiantes e electricidade en tensión.

O espazo da tvG2 tamén se achegará á proposta musical de Boyanca Kostova, o primeiro grupo de trap en galego, que acaba de gañar o Concurso de Bandas de Cuac FM. As próximas actuacións do grupo, que se move entre o rap e a música electrónica, serán nos Atardeceres do Gaiás e no Festival Noroeste da Coruña.

Ademais, “ZigZag Diario” debuxará hoxe parte do mapa dos festivais do verán en Galicia e falará do que ofrecerán algúns deles durante os próximos meses.
Mércores, 28.06.2017
CINEMA DE NOITE
“O RITO”
(“The rite”)
Director: Mikael Hafström
Intérpretes: Anthony Hopkins, Colin O´Donoghue, Alice Braga, Ciarán Hinds, Toby Jones, Rutger Hauer
EUA, 2011, 104′, Thriller-Terror (16)

**SINOPSE**

Inspirado en feitos reais, “O Rito” conta a historia de Michael Kovak, un seminarista escéptico que asiste con reparos á escola de exorcismo do Vaticano. Durante a súa estancia en Roma, ten que estar de aprendiz dun sacerdote nada ortodoxo, o padre Lucas, que leva realizando unha gran cantidade de exorcismos. A medida que se introduce nun preocupante caso que parece transcender mesmo a habilidade do padre Lucas, Michael comeza a enxergar un fenómeno que a ciencia non pode explicar nin controlar, un mal violento e terrorífico que o leva a dubidar de todo aquilo en que cre.
MINUTADO do 28/06/2017 da TELEVISIÓN DE GALICIA

08:00
BOS DÍAS

Presentan Marta Darriba e Francisco L. Iglesias, coa información deportiva a cargo de Terio Carrera. Inclúe o espazo “A Entrevista”, hoxe coa conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, e “O Faladoiro”, cos xornalistas Luís Pérez, Luís Villamor e María Méndez.
10:35
A COCIÑA DE ANDRÉ “Polo en tempura con fabas”

Un espazo diario de gastronomía presentado polo chef André, que propón en cada intervención receitas doadas de realizar, que sorprenderán polo seu sabor e o seu atractivo.
11:05
O FARO Cap. 200

Serie. Hoxe, Lidia quere mudarse ao seu piso con Andrés. Alí poderían ter máis intimidade, pero inesperadamente Andrés non quere cambiar de piso. Esta diferenza de opinións sobre o tema provoca disputas entre eles. Luís intenta axudar a parella a pasar a nova situación que están a vivir, pero Andrés déixalle claro que non quere que ninguén se meta na súa vida. Erea está moi contenta co comunicado de prensa que redactou en contra do trazado da autovía, pero non consegue a aprobación de Carme nin de Víctor, polo que comeza a pensar que ninguén valora o seu traballo e quizais sobra en Samáns.
11:55
MELLOR XUNTOS

O programa “Mellor Xuntos” retrata proxectos cooperativos galegos.
12:30
A REVISTA

Presenta Sevi Martínez. Inclúe “Adiantos Informativos”.
12:55
ENTREGA MEDALLAS CASTELAO

A TVG transmite hoxe en directo, desde a igrexa de San Domingos de Bonaval, o acto de entrega das Medallas Castelao 2017, coas que a Xunta de Galicia distingue cada 28 de xuño, coincidindo co retorno a Galicia dos restos de Castelao, a obra, en calquera faceta da actividade humana, de galegos e galegas merecedores do recoñecemento do resto da sociedade.
14:05
A REVISTA

Presenta Sevi Martínez. Inclúe “Adiantos Informativos”.
14:25
CADA DÍA UN LIBRO

Microespazo divulgativo en que cada día se lle recomenda un libro ao espectador.
14:25
TELEXORNAL MEDIODÍA

Presenta Marga Pazos. Carlos Macía encárgase da información deportiva.
15:35
O TEMPO
15:45
FONTEALBA Cap. 197

Serie. Lourdes discute con Mati do delgada que está. Xaquín dille a Luís que Aurora e Roberto non van poder ter o fillo, xa que non son aptos. Marisa comeza a preparar unha cooperativa e quere convencer os traballadores de Hortodouro de que entren con ela neste proxecto. Amalia desafía a Andrés a que elixa entre ela ou Carmela.
16:40
TI VERÁS

Concurso presentado por Rodrigo Vázquez en que cada día unha parella de concursantes opta a gañar un premio de ata 50.000 euros.
17:40
BOTARSE AO MONTE Cap. 10

Serie de programas onde se intentan amosar todos os segredos dunha práctica deportiva que está a ter moita aceptación: o sendeirismo. Neste programa amosaranse interesantes rutas para practicalo e daranse consellos ao respecto.
A ruta do colesterol é a última moda entre os camiñantes das cidades.Touriñán lánzase a investigar esta nova práctica percorrendo Pontevedra e os seus arredores.
18:05
PADRE CASARES Cap. 205: “In nomine patris”

Serie galega de ficción, en que o padre Horacio Casares, formado nun moderno seminario xesuíta, chega a Louredo, unha pequena vila da costa a substituír o vello padre Crisanto, un home que levaba toda a vida nese lugar.
Os espectadores verán como nada se lle pasa a Amelia, a gobernanta da casa reitoral.
Unha revisión de gastos rutineira deixou ao descuberto algo inquietante: disparouse o consumo do viño da misa no último mes e dá a casualidade de que ese é o tempo exacto que leva Miñato traballando de sancristán. Está a coller borracheiras o chapuzas a conta da parroquia? As primeiras e preocupantes indagacións descobren que Miñato montou un novo negocio, esta vez a expensas da Igrexa. Ante a acusación, ao chapuzas de Louredo sóbranlle tempo e recursos para botar balóns fóra, conseguindo que as sospeitas se centren no novo párroco de Santo Antonio de Louredo, don Perfecto.
19:10
ÁREA PÚBLICA

Presentado por Susana López, é un programa pegado de cheo á actualidade do día, con conexións en directo cos puntos onde se estea a producir a esa hora a noticia e coa presenza de convidados e entrevistas en directo.
20:25
INFORMACIÓN ESTADO DO MAR
20:30
GALICIA NOTICIAS SERÁN

Presenta Beatriz Moyano.
21:00
TELEXORNAL SERÁN

Presenta Carlos Amado. Alfonso Hermida encárgase da información deportiva.
21:50
O TEMPO SERÁN
22:00
CASAMOS! “A historia de amor de Raquel e Diego”

As vodas máis románticas, divertidas, curiosas e entrañables asomaranse co programa “Casamos!”. En cada unha das entregas, os espectadores verán a ilusión de parellas de noivos que deciden celebrar o seu enlace, as particularidades de cada noivado.
Din que do amor ao odio só hai un paso e así lle pasou a Raquel e a Diego, a parella protagonista desta noite, que comezou a súa relación despois dunha disputa por unha praza de garaxe. Axiña iniciaron o seu romance e, malia as sorpresas das familias, aos poucos días xa estaban vivindo xuntos e só nuns meses xa estaban esperando o seu primeiro fillo.
23:10
CASAMOS! “A historia de amor de Jessica e Borja”
00:15
QUE CASAS!

As vivendas máis fascinantes, singulares e orixinais de Galicia pasarán pola pantalla da TVG con este programa, que amosará hoxe vivendas con encanto da serra do Courel, o concello de Miño, Carballo, Santiago de Compostela e Sandiás.
01:10
CINEMA DE NOITE “O rito”

(“The rite”), de Mikael Hafström, con Anthony Hopkins, Colin O´Donoghue, Alice Braga, Ciarán Hinds, Toby Jones, Rutger Hauer. EUA, 2011, 104′, Thriller-Terror (16).
Inspirado en feitos reais, “O Rito” conta a historia de Michael Kovak, un seminarista escéptico que asiste con reparos á escola de exorcismo do Vaticano. Durante a súa estancia en Roma, ten que estar de aprendiz dun sacerdote nada ortodoxo, o padre Lucas, que leva realizado unha gran cantidade de exorcismos. A medida que se introduce nun preocupante caso que parece transcender mesmo a habilidade do padre Lucas, Michael comeza a enxergar un fenómeno que a ciencia non pode explicar nin controlar, un mal violento e terrorífico que o leva a dubidar de todo aquilo en que cre.
03:00
TELEXORNAL NOITE
03:10
TI VERÁS (Rep.)
04:05
MAR DE FONDO
04:10
NOITE DE JAZZ
04:50
SONS NA NOITE
05:10
A REVISTA (Rep.)
05:35
ENTREGA MEDALLAS CASTELAO (Rep.)
06:40
A REVISTA (Rep.)
06:50
ÁREA PÚBLICA (Rep.)

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar