Vigo:O bus turístico promociona as Illas Cíes

Un renovado bus turístico comezou a realizar as súas rutas diarias para mostrar aos visitantes os puntos máis destacados da cidade. O vehículo inclúe o lema “Cíes, obxectivo Patrimonio da Humanidade”, xa que Caballero considera que “é un reclamo fantástico, un slogan dun poder inconmensurable”.
O bus dará servizo ata mediados de setembro en horarios de 10,00, 12,00, 16,30 e 18.30 horas e a bordo os turistas dispoñen de audioguías en inglés, francés, italiano e portugués que van explicando os espazos máis interesantes da cidade, entre os que destacan o mercado da Pedra, a zona de Areal, edificios de interese histórico, zonas de tapas e movida nocturna, museos da cidade, casco vello, paseo de Alfonso, Castrelos, o porto pesqueiro, Samil e, por suposto, a Estación Marítima e os postos de venda de billetes para Cíes. “Estamos en permanente promoción do turismo en Vigo; a cidade está a atravesar a mellor etapa turística da súa historia”, destacou o rexedor, á vez que indicou que eventos como O Marisquiño, financiado practicamente na súa totalidade polo Concello, son “un reclamo que marca todo o verán”.
O prezo do bus turístico é de 7,5 euros os adultos, 4 euros nenos de 5 a 14 anos e gratuíto para os menores. O billete inclúe todas as subidas e baixadas que desexen realizar os turistas durante todo o día.

Patrimonio de la Humanidad
Por outra banda, o alcalde criticou este venres o prazo estimado pola Xunta de Galicia para desenvolver a candidatura das Illas Atlánticas. “Por que tiveron tanta présa en presentalo no Ministerio de Cultura se é un proxecto a oito anos vista? Querían reventar o proxecto de Cíes”, aseverou. Ademais, en referencia á reunión do Conselleiro de Cultura con varios colectivos vigueses para presentarlles o seu proxecto, Caballero asegurou que os presentes nese encontro manifestaron a “unanimidade en que o elemento significativo da candidatura son as Illas Cíes”

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar