A feira Sacroexpo de Polonia promove o Camiño de Santiago

A feira especializada en turismo relixioso Sacroexpo foi estes días o escaparate do Camiño de Santiago en Polonia, país do que Galicia xa recibiu preto de 1.200 peregrinos no que vai de ano, un 28,13% máis que no mesmo período do ano anterior.

Turismo de Galicia estivo presente nesta feira para promover o Camiño de Santiago e o fenómeno xacobeo a través dun recinto específico ao que se achegaron tanto os profesionais do turismo de Polonia como o público xeral.

O departamento de Turismo da Xunta participa neste certame turístico que se celebra na cidade de Kielce de xeito habitual dado que constitúe unha das citas máis importantes de Centroeuropa no ámbito do turismo relixioso, no que están presentes distintas asociacións, confrarías e outros colectivos de carácter relixioso, tanto de Polonia como dos países limítrofes.

Deste xeito, Turismo de Galicia conta cun recinto no que, ademais do Camiño de Santiago, promóvese a oferta cultural da Comunidade galega e de xeito xeral o destino Galicia.
Por outra banda, no relativo á demanda turística, o mercado turístico polaco presenta un comportamento positivo en Galicia no primeiro cuadrimestre de 2017, xa que supera os niveis de demanda do mesmo período do pasado ano, nun 12% tanto a cifra de viaxeiros aloxados coma o volume de pernoitas.

Con preto de 3.000 viaxeiros neste período e case 3.600 noites nos establecementos hoteleiros da comunidade o mercado polaco representa o 2,2% do total internacional.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar