Moncho Borrajo asina exemplares da sua “Escolma do humorismo gráfico”

 Escolma do humorismo gráfico de Moncho Borrajo é un novo traballo editorial que recompila boa parte do feito ata a data por este polifacético artista nesta disciplina, á que lle prestou especial empeño nos anos 80.

Foi entón cando publicou Moncho y Yo (Ed. Planeta 1980), Moncho y Tú (Ed. Planeta, 1986), ¡Pobres Míos! (Ed. Planeta, 1987) e Animaliños (Ed. Ir Indo, 1988). Dúas décadas despois, saíu Gatos (Ed. Ir Indo, 2008). E son estes traballos os que se recollen agora na Escolma, que inclúe tamén algunhas viñetas publicadas en xornais.

O novo libro mostra o particular humor de Borrajo en dous idiomas, galego e castelán, e pretende achegar ás novas xeracións o bo facer dun artista integral, que tanto sube a un escenario coma se dedica á obra plástica na pintura ou a escultura.

Entre os seus últimos traballos estivo o deseño do logotipo da Fundación Santo André de Teixido, que agora colabora na reedición do seu humorismo gráfico.

O libro está a disposición do público nas librarías do país dende o pasado mes de abril. Tamén, no sitio web https://monchoborrajo.es/ e noutras tendas online.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar