Baltar aposta pola innovación na asamblea de empresarios do Polígono

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, destacou no acto de clausura da Asemblea da Asociación de Empresarios do Polígono de San Cibrao das Viñas “a aposta pola innovación” que desenvolve este colectivo empresarial, e remarcou as liñas de colaboración que mantén a institución provincial coa asociación, entre as que citou o apoio á internacionalización e o servizo de bombeiros, entre outros. “Poñemos a disposición da asociación todas as políticas de apoio á internacionalización, e seguimos asumindo o financiamento do servizo de bombeiros”, expresou Baltar, afirmando que estamos “abertos a estudar mais propostas de cooperación”.O presidente do goberno provincial felicitou a José Cid, empresario homenaxeado este ano, “exemplo de triunfo e superación a base de traballo e compromiso”, definiuno, e dixo sentirse encantado de presentar a Lalo Azcona, “xornalista mítico da transición española e empresario audaz e de éxito a quen ánimo a investir en Ourense”.

Na súa presentación a Lalo Azcona, Baltar comentou que da man de Rafael Anson, director de RTVE con Suárez, xunto a Eduardo Sotillos e Pedro Macía, foron a cara televisiva da transición. Na primeira edición do telediario de TVE ensinounos nunha pizarra como votar nas primeiras eleccións democráticas de 1977, vimos a primeira entrevista a Rafael Alberti tralo exilio, presenciamos a Jarcha cantando “Libertad sin ira” e as legalizacións de PSOE e PCE, a renuncia aos dereitos dinásticos de Juan de Borbón… En definitiva, historia viva de España, sendo el tamén en Radio Nacional quen anunciou a morte de Franco”. Baltar dixo que a andaina empresarial de Lalo Azcona “ten exemplos vivos de éxito e internacionalización, como Estudio de comunicación, a consultora máis importante de comunicación corporativa, ou Tecnocom, xigante tecnolóxico internacional, hai semanas adquirido por Indra”.

A asemblea dos empresarios analizou o posicionamento da Asociación en proxectos e servizos clave para o futuro do Polígono de San Cibrao, e seu presidente, Elías Mera, destacou no seu informe a etapa determinante que está a vivir este recinto empresarial cos avances tecnolóxicos en comunicación. Ademais, afirmou que a Asociación intensificará a súa relación coa universidade para seguir potenciando a transferencia tecnolóxica. No acto, foron recoñecidos os empresarios Antonio Sarria, Berto Iglesias, Jesús Cid Quintas (Sistemas Delfín) e José Méndez Grande (Vari).

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar