Adeus ao Pastor, adeus

Conteino no libro Belesar, orgullo de España: cando Franco ía inaugurar o salto de Belesar, os veciños de Taboada pararon a comitiva para reclamar que repuxesen a Ponte do Fortes, que quedara anegada polo encoro. O ditador non só atendeu a muller do Fortes, senón que prometeu e cumpriu. Aí está a Ponte dos Tornillos.

O que non sabía eu foron as razóns. Contoumas non hai moito o profesor Xan Carmona: “O capitán quería disparar contra os veciños que impedían o paso. Franco impediuno. Pedro Barrié convenceuno dicíndolle que os veciños tiñan razón, que eran os grandes prexudicados sen gañar nada a cambio”.

Nas miñas conversas con don Joaquín Árias, o home forte da Fundación Barrié moito tempo, e cunha memoria prodixiosa, contoume moitas cousas do Pastor e das súas relacións co Estado.

Como, malia a amizade de Barrié con Franco, se negaban a que a fundación puxese a andar a Escola de Arquitectura d’A Coruña, ou as de empresariais en Vigo, pois, dicían desde Madrid, e premían desde Cataluña, que Galiza o que tiña era que “aportar divisas e man de obra barata para as súas industrias”.

Algúns destes feitos conseguín incluílos nunha entrevista en A Nosa Terra. Outros non. Como que Barrié estaba moi enfadado co Estado porque os moitos encoros que levantaran en Galiza non serviran para a súa industrialización. Porque desde Madrid non querían pagar a nosa electricidade argumentando que “eran sobrantes”. Ou como, para empregar a nosa enerxía en troques, decidiu montar o Polígono de Sabón.

Jordi de Carricarte, o enxeñeiro do Salto de Belesar, deixou mesmo estas coitas por escrito, laiándose de que “os nosos encoros non beneficiaron a Galiza en nada”.

Tamén me contou o don Joaquín como Pedro Barrié se enfadou coa UPG cando foi o de Castrelos de Miño. Seica o incomodou moito o “Romance” que o atacaba directamente.

Dicía: “Eses rapaces nacionalistas fannos moita falta, pero na vez de lixarme a min polos encoros, que son necesarios, deberían xuntar as forzas para que esta electricidade que, é certo, anega os vales, sexa utilizada para industrializar Galiza”. Acredito que a UPG recibiu o recado.
Na derradeira cea que tiven coa Condensa de Fenosa, dona Carmela, contoume como había uns días, nunha reunión da cúpula bancaria en Madrid, “eu defendín ao BNG e a José Manuel (Beiras), replicándolles que non só non eran uns tolos, como dicían, senón a esperanza de Galiza… Os máis puxeron unha cara… Pero calaron”.

Que pensaría agora Pedro Barrié do seu banco liquidado, de Fenosa en mans foráneas e da Fundación con incerto futuro… Laiaríase do moito que fixo e serviu para moi pouco? A Galiza de hoxe non se entende sen os 200 anos de historia do Pastor. Adeus.

 

Afonso Eiré é xornalista e colaborador habitual de El Correo Gallego

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar