O Concello de Vigo inviste 2,3 millóns do entorno do Hospital Álvaro Cunqueiro

Caballero avanzou a inversión de 2,3 millóns nas humanizacións de Álvaro Cunqueiro, na 4ª fase de Camelias e na da rúa Pintor José Frau. Nos dous primeiros casos, as obras están en marcha e na terceira, xa se está a traballar o proxecto de obra.

O alcalde, acompañado polo comisario xefe, Manuel Teijeiro e o segundo tenente de alcalde, David Regades, visitou esta mañá o entorno da rúa Álvaro Cunqueiro, para comprobar “a boa marcha” da primeira fase da humanización, que comprende toda a coroa interior, ata o seu entronque con Pintor Lugrís. Cun importe de preto de medio millón de euros, trátase dunha actuación de 550 m2, con renovación de 400 metros de tubaxes, instalación de 14 papeleiras, bancos e 52 árbores. Ademais, as obras inclúen unha proposta de divulgación do nomenclator, así como da historia urbana do entorno. Con este obxectivo, creouse unha plataforma online apoiada sobre unha páxina web e placas ubicadas na rúa.

Tal e como lle explicou o rexedor ao máximo responsable da Comisaría Vigo-Redondela, nese entorno, xa se está traballando na humanización da rúa Pintor José Frau, cun orzamento de preto de 600.000 euros. Nestes momentos, estase a redactar o proxecto, que incluirá aparcamentos en batería, así como a renovación de pavimento, beirarrúas, abastecemento, alumeado, sinalización, xardineiras e mobiliario urbano. Tamén se proxecta a instalación, ao longo da rúa, dunha representación permanente da obra pictórica de José Frau, así como unha escultura tipo busto do artista.

Outra das obras en marcha na zona é a 4ª fase da humanización de Camelias, entre Doutor Marañón e Juan Ramón Jiménez, cun orzamento de case 800.000 euros. Do mesmo xeito, o rexedor avanzou que se están estudando opcións para mellorar o pavimento da Praza Independencia, aínda que é difícil dado que non se pode tapar todo o adoquinado por un problema de drenaxe. Concretamente, apuntou a posibilidade de facer camiños debuxados e cimentados en cor.

O rexedor anunciou que o Concello xa outorgou licenza para a ampliación do Ceip Alfonso Rodríguez Castelao en 1.338 m2 de solo municipal, cun orzamento de 1,1 millón de euros. Segundo detallou, as obras autorizadas consisten na ampliación e reforma da edificación existente de uso de centro de educación infantil e primaria, cunha vivenda unifamiliar vinculada á escola infantil. Deste xeito, a Xunta xa pode levar a cabo esta obra na máxima celeridade, dixo.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar