O DOG publica as axudas para a especialización de menores de 30 anos

 O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica as axudas da Xunta para impulsar a formación dos menores de 30 anos, un programa pioneiro, enmarcado no Sistema de Garantía Xuvenil, que inclúe por primeira vez formación á porta, aquela dirixida aos 140 concellos do rural galego que non contan con centros homologados. O Goberno galego prevé especializar, a través de 160 cursos, a 2.500 mozos e mozas con esta actuación que conta cun orzamento de 4,3 millóns de euros e desenvolverase entre 2017 e 2018.

As localidades sen centros de formación homologados terán, polo tanto, prioridade nesta iniciativa coa que se impartirá unha formación homologada con certificados de profesionalidade con validez en todo o territorio nacional. A formación á porta está enmarcada dentro do Plan de formación e emprendemento no rural, que ten como obxectivo fixar poboación nas zonas menos poboadas de Galicia e aumentar as oportunidades laborais dos seus habitantes. En concreto, consiste en achegar a impartición dos cursos a través de centros móbiles ou lugares habilitados nos concellos. Un dos obxectivos principais desta actuación é acercar a formación ao territorio creando emprego de calidade e fixando poboación no rural.

Poderán optar ás axudas do Goberno galego para impartir estes cursos, os centros formativos acreditados e/ou inscritos pola Xunta para ofrecer formación profesional para o emprego, xa sexan empresas, entidades sen ánimo de lucro e concellos. O prazo para presentar as solicitudes ábrese mañá e rematará o 10 de xullo.

Os cursos axustaranse ás necesidades do tecido empresarial de cada zona, ao tempo que se primarán as accións con maior inserción laboral e enfocadas ao uso das novas tecnoloxías. A orde de axudas ten un carácter bianual para facilitar a realización de cursos máis complexos e cun maior período de duración. Polo tanto, a cualificación será máis completa e ofrecerá, deste xeito, maiores oportunidades laborais e máis capacitación aos participantes.

A formación como panca de cambio é unha das prioridades do Goberno galego e, por iso, a Xunta incrementou este ano a formación para o emprego nun 21,6% chegando ata os 86,2 millóns de euros, que inclúe, entre outras actuacións, ademais dos cursos de formación para persoas sen traballo, accións formativas para ocupados, obradoiros e programas integrados de emprego, lanzadeiras e convocatorias para o recoñecemento da experiencia profesional.

No referido especificamente para formación para desempregados, a Xunta está a investir con este programa exclusivo para menores de 30 anos e outros tres xa aprobados este ano para persoas desempregadas sen límite de idade un total de 65 millóns de euros, o que permite unha oferta formativa de preto de 18.000 prazas en 1.200 cursos.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar