Radio Galega:Entregados os Premios do “Diario Cultural”

A Radio Galega ofreceu este martes unha edición especial do programa “Diario Cultural”, en que se entregaron os galardóns do X Premio de Teatro Radiofónico. Convocado pola emisora pública e pola Secretaría Xeral de Cultura, tivo, un ano máis, como obxectivo fomentar a escrita de textos dramáticos para a radio e contribuír á recuperación do formato de teatro radiofónico desde unha perspectiva contemporánea.

O secretario xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo, e a xefa de Programas da Radio Galega, Tania Fernández Lombao, fixeron entrega dos premios do xurado e da audiencia, dotado cada un con 3.000 euros. Eva F. Ferreira recolleu o galardón do xurado pola obra “O quinto inverno” de mans de Anxo Lorenzo; mentres que, a responsable de contidos da emisora pública galega outorgoulle o segundo a Carolina Alba Castro Estévez pola obra “Un bo final”.

Directora, dramaturga e creadora da compañía Demolicións Ferreira & Cía, Eva F. Ferreira xa gañara este mesmo premio no ano 2012 coa obra “Poema sinestésico para tres voces e un can”. Pola súa parte, Carolina Alba Castro Estévez é licenciada en Comunicación Audiovisual e está vinculada profesionalmente á radio, desenvolvendo a súa actividade profesional en Radio Nacional desde 2010.

Neste especial do “Diario Cultural realizado en directo desde os estudios da Radio Galega interviñeron a directora da adaptación radiofónica das obras, Marta Pazos, a directora do Centro Dramático Galego, Fefa Noia, e o crítico de teatro Camilo Franco. No transcurso do programa escoitáronse as voces e avaliacións sobre o certame de premiados en anteriores edicións, como Vanesa Sotelo, Rubén Ruibal, David Rodríguez, Marián Bañobre, Clara Gayo e Xosé Manuel Pacho.

Ademais, a Radio Galega deu conta da publicación conxunta coa Secretaría Xeral de Cultura do libro-Cd cos textos e adaptacións radiofónicas das catro obras finalistas desta convocatoria. A maiores das dúas obras gañadoras, o libro-cd inclúe as propostas das outras finalistas, Avelina Pérez e Ana Carreira. É o décimo volume da colección do Premio “Diario Cultural” de Teatro Radiofónico, que ata agora publicou 33 obras inéditas coas correspondentes adaptacións.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar