Ourense:Baltar e Gestal presentan o Vademecum do Termalismo en Galicia

 


O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e o decano da Facultade de Medicina de Santiago de Compostela, Juan Gestal, presentaron no Centro Cultural “Marcos Valcárcel” o Vademecum das augas mineiro-medicinais de Galicia, unha publicación que estará a disposición da cidadanía na web da Deputación de Ourense e que reúne, segundo explicou o presidente provincial, “as indicacións, procedementos e estudos sobre as augas termais en Galicia, así como as localizacións dos recursos e establecementos balnearios galegos”.Manuel Baltar lembrou na presentación o papel desempeñado polo doutor Rodríguez Míguez no termalismo contemporáneo, de quen dixo “será distinguido coa Medalla de Ouro da Provincia, a título póstumo”, e a agradeceu ao decano de Medicina “o impulso que a Universidade de Santiago e a Cátedra de Hidroloxía Médica están a dar ao noso termalismo, un pulo no que a Deputación participa co desenvolvemento do Plan “Ourense, a provincia termal”.

Baltar, quen convidou a Juan Gestal a participar no Consello Termal Ourensán, expresou que falar de auga e termalismo “é falar de Ourense, e agradezo ao decano de Medicina que elixira Ourense para presentar esta obra, un gran traballo de investigación que analiza as augas termais de Galicia e que resalta e potencia o noso termalismo”.

O presidente da Deputación destacou o un pulo que a institución provincial lle está a dar ao termalismo co desenvolvemento do Plan “Ourense, a provincia termal”, conxuntamente coa Xunta de Galicia, “porque cremos que o termalismo é un eixo fundamental de desenvolvemento para o turismo, a economía e a saúde no noso territorio”, e remarcou a importancia do “Pacto Termal Nacional” -iniciativa promovida por Manuel Baltar-, o cal presentou no “XII Encontro de vilas termais” celebrado hai semanas en Caldas de Reis e Cuntis, “un plan que ten como obxectivo promover o valor económico, cultural e de saúde do termalismo e aproveitar as oportunidades que ofrece este sector en España”, expresou o presidente do goberno provincial.

“O plan pretende un desenvolvemento turístico termal eficiente, sustentable e de calidade, con melloras das infraestruturas termais, liñas de axudas para instalacións, investigación e actividades turísticas, e campañas de divulgación das vilas e territorios termais”, afirmou Baltar, quen tamén valorou positivamente a colaboración entre a Deputación de Ourense e a Universidade de Santiago, por medio da Facultade de Medicina, para que o Complexo Hospitalario de Ourense teña a consideración de “Universitario”.

Juan Gestal explicou que o Vademecum termal “é un traballo promovido e desenvolvido pola Cátedra de Hidroloxía Médica da Universidade de Santiago, que abrangue capítulos nos que se estudan as augas mineiro-medicinais, a súa importancia terapéutica, clasificación, mecanismos de acción, así como as técnicas de administración das augas termais e a situación actual da investigación no ámbito do termalismo en Galicia.

O Vademecum permite coñecer os últimos avances na análise das augas mineiro-medicinais dos balnearios e empresas envasadoras de augas mineiras de Galicia, e tamén actualiza a información sobre a súa historia, a data de declaración de utilidade pública das augas, as autorizacións dos balnearios como centros sanitarios, as indicacións terapéuticas e o perfil das persoas que realizan tratamentos coas augas termais de Galicia.

Gestal subliñou que hai que seguir potenciando o termalismo. “En Galicia temos unhas 300 surxencias, das cales na actualidade se explotan 21, todas están situadas no ámbito rural, coa importancia que isto ten para xerar economía e fixar poboación no rural”.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar