O Concello de Vigo adxudica o proxecto da Porta do Sol


A Xunta de Goberno Local aprobou a clasificación de ofertas para a contratación da redacción do proxecto da obra que transformará o espazo “na gran praza da cidade”. Tamén deu o visto bo á segunda fase de humanización da rúa Bueu por un importe de 628.000 euros.

Abel Caballero informou este luns dos avances dunha das “grandes obras” de Vigo “polo que significa, porque a cidade necesita unha gran praza de encontro, que sexa de todos, e esta será a nova praza da Porta do Sol”.

A Xunta de Goberno Local deu luz verde á clasificación de ofertas para a contratación dos servizos de redacción do proxecto de execución das obras de soterramento do tráfico rodado da Porta do Sol e a transformación peonil da actual rede viaria, un proxecto cofinanciado por fondos FEDER da Unión Europea e que ascende no seu conxunto a 6 millóns de euros. A UTE GOC S.A. Capitel Arquitectura Ingeniería e Innovación S.L. será a encargada de redactar o proxecto por un importe de 140.965 euros. Despois, avanzou, chegará a cualificación arqueolóxica e a realización da obra.

Ademais, quedou aprobada a adxudicación para a contratación das obras de humanización da rúa Bueu que supoñerá un investimento de 628.000 euros e que servirá para adecuar unha rúa “que se fixo nos anos 50 e 60 coa visión propia daquel tempo”. O prazo estimado de execución é de cinco meses

 

 

Ascensor de Camilo José Cela

 

O rexedor deu conta tamén do inicio o próximo luns 12 de xuño das sondaxes arqueolóxicas para as obras de instalación do ascensor do Parque Camilo José Cela que unirá Torrecedeira con Pi y Margall, dentro do programa Vigo Vertical. Os traballos comezarán unha vez conseguida a autorización da Xunta de Galicia coa previsión de acometer a obra a primeiros de 2018.

Caballero puxo en valor o “noso entendemento dun Vigo distinto, moderno, con ascensores, ramplas mecánicas, escaleiras mecánicas que están transformando unha cidade chea de montañas nunha cidade vertical”avanzando os proxectos da Gran Vía, que se está desenvolvendo, o ascensor de Pizarro ou as escaleiras mecánicas da Segunda República das que se acomete a segunda fase.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar