Una CIG en calma

Nos tempos escacexantes nos que estamos, chama a atención a calma prácida que viviu a Confederación Intersindical Galega (CIG) no seu VII Congreso Confederal, celebrado o pasado fin de semana. Sobre todo cando o sindicalismo nacionalista se por algo se distinguiu historicamente, foi por todo o contrario, levando as liortas políticas e as divisións partidarias á central sindical.

Podía pensarse que a constitución de En Marea e a actividade dentro da central de destacados membros de Anova, FPG, Cerna, Podemos, e varios grupos escindidos do BNG, podería levar a unha forte confrontación xa non só polo control do sindicato, senón na liña a seguir nos próximos anos. Pero non foi así. Impúxose o consenso, por non dicir a unanimidade entre os seus delegados.

O relatorio de Acción Sindical só acadou tres votos en contra e 19 abstencións. Pero o informe de xestión da Executiva saínte non obtivo ningún voto en contra e só tres abstencións, algo insólito na historia deste sindicato.

E a nova Executiva Federal, acadou o 95 % dos votos dos delegados. O Novo Secretario Xeral, Paulo Carril, tamén obtivo o voto favorábel do 96 % dos presentes. Estes números cobran maior importancia se temos en conta que unha das claves deste VII Congreso Federal foi a da renovación.

Non só elixiron a un novo secretario xeral, que toma o relevo de Suso Seixo, logo de 16 anos no cargo, o que adoita a traer discusións a eito, senón disputas; senón que tamén renovaron a Executiva Confederal, composta por 12 persoas, nun 60 %.

A máis diso, deixan a di­rección históricos sindicalistas, ademais de Seixo, como Antolín Alcántara, Ramiro Oubiña, Francisco M. Vigo, E­lvira Patiño, por falecemento, ou Manuel Currás e Moncho Boán.
Diluíu a CIG as súas sinais nacionalistas? Se lemos os seus relatorios e as declaracións do seu novo Secretario Xeral, para nada. “O ideario de clase é unha idea nacional arredor da autodeterminación e da soberanía, son incuestionábeis”, afirma Carril. Que aínda vai máis alá ao declarar que, “a reivindicación nacionalista non é posíbel organizala con forzas españolas”.

Como se entende logo que entre os case 70.000 afiliados da CIG haxa moitas persoas pertencentes a En Marea e aos partidos que a conforman?

Carril considera que “as contradicións que lle podan xurdir a calquera é un problema individual, non da organización”.

Así as cousas, podemos pór a CIG como exemplo de sentido, de situar as contradicións nacionais e de clase por encima das persoais…? Ou todo se debe a que, máis alá da capacidade de artellar consensos, está tamén a realidade empírica de que coas cousas de comer non se xoga…?

 

Afonso Eiré é xornalista e colaborador de El Correo Gallego

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar