Xornada sobre as deputacións do futuro

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, presentou  o programa da «VI Xornada sobre as deputacións do futuro», que terá lugar no Centro Cultural «Marcos Valcárcel» o vindeiro 9 de xuño traendo a debate o tema: «Transparencia e protección de datos no ámbito local».

A xornada, que co-organizan a Deputación de Ourense e a Fundación «Democracia e Goberno Local», contará con relatorios sobre «Dereito de acceso á información pública», «A publicidade activa nos entes locais», «O compromiso de Galicia coa transparencia» e «O difícil equilibro entre transparencia na información e protección de datos», a cargo de expertos en Dereito Administrativo e Transparencia e bo goberno, como como Marcos Almeida, Agustí Cerrillo e Enrique Orduña, e coa Valedora do Pobo, Milagros Otero. A xornada será inaugurada polo presidente da Deputación de Ourense e o director da Fundación «Democracia e Goberno Local», Ramón Camp.

Baltar destacou que esta xornada «sitúa a Ourense como referente en materia de transparencia no ámbito local e da participación cidadá», como xa o teñen certificado en relación coa Deputación de Ourense entidades como Transparencia Internacional ou a Plataforma da Sociedade Civil para a Transparencia, situando á institución provincial nos primeiros lugares en canto a Transparencia, «amosando así o compromiso que neste ámbito ten o goberno provincial», expresou Manuel Baltar.

Baltar lembrou que a Deputación de Ourense será a primeira de Europa en implantar o sistema de «Auditoría Social da Transparencia», un método que permite avaliar a transparencia na xestión en tempo real. Esta innovadora ferramenta, desenvolvida por Dyntra, permitirá coñecer en cada momento o nivel de cumprimento coas obrigas de transparencia e dereito ao acceso á información de todos os entes obrigados por lei na provincia de Ourense. Ademais, permitirá a participación dos cidadáns e actores sociais no proceso de avaliación continua, nun exercicio único de rendición de contas en España.

Para o presidente provincial este sistema supón «un paso moi importante na estratexia de goberno aberto e boas prácticas na gobernanza que está a desenvolver a Deputación de Ourense e que se materializará con esta ferramenta, para afondar no noso compromiso como goberno referente en transparencia e participación cidadá». Neste sentido, só dúas administracións públicas no mundo, a Deputación de Ourense e o Estado de Nova York, serán pioneiras neste sistema, «que consolida o concepto de auditoría social e transparencia», explica Manuel Baltar.

O presidente da Deputación de Ourense destacou tamén «a alianza que a institución provincial mantén coa Fundación «Democracia e Goberno Local», e expresou que esta xornada, na que se debaterá sobre o futuro das deputacións -único foro destas características que organiza desde fai seis anos un goberno provincial-, «amosa un labor de vangarda na innovación política e na xestión económica, e ofrece un espazo no que confluír e contrastar ideas para analizar o funcionamento e o futuro das administracións provinciais».

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar