Román Rodríguez destaca os Premios da Crítica como alicerce para “facer país”

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, destacou o papel dos Premios da Crítica na historia recente de Galicia, posto que estes galardóns “representan a esperanza do porvir, non só da nosa cultura, senón do conxunto do noso pobo”, segundo sinalou. Con motivo do acto de celebración dos 40 anos destes premios, o titular do departamento de Cultura da Xunta de Galicia remarcou que “ano tras ano, as galegas e os galegos somos quen de crear un legado intelectual digno de ser lembrado”.

Neste sentido, recordou ás 250 persoas e institucións culturais premiadas durante este periplo; uns persoeiros que, segundo explicou, dan nome e apelidos á historia da cultura galega contemporánea, “o cimento inmaterial do noso progreso”.

Ademais, o conselleiro recoñeceu o traballo dos membros da Fundación Premios da Crítica Galicia por seguir mantendo estes galardóns ao longo dos anos. Precisamente, no acto desta mañá proxectouse un audiovisual realizado pola Televisión de Galicia sobre a historia desta iniciativa, que naceu en 1978 auspiciada polo Círculo Orensán Vigués.

A maiores do conselleiro, na celebración tamén participaron o presidente da Fundación, Bieito Ledo; a presidenta da Deputación provincial, Carmela Silva; o alcalde de Vigo, Abel Caballero, e o director xeral da Compañía de Radio e Televisión de Galicia, Alfonso Sánchez Izquierdo. Tamén se contou cunha actuación de Carlos Núñez.

Os Premios da Crítica de Galicia veñen recoñecendo cada ano desde a súa fundación a excelencia e a relevancia dos labores individuais e colectivos máis destacados nos diversos ámbitos da creación cultural e da investigación en Galicia. En concreto, actualmente outórganse en ata oito modalidades: creación literaria, investigación, música, iniciativas culturais, artes plásticas e visuais, artes escénicas, cine e artes audiovisuais e cultura gastronómica.


© 2011 Galega de Comunicación e Información, S.L.U. - Aviso legal - Contacto