A Fundación Rosalía recibe hoxe o Pedrón de Ouro na propia Casa-museo

Hoxe, domingo, a Casa-museo acolle o acto de entrega dos Premios Pedrón 2017, que este ano recibe a propia Fundación Rosalía de Castro (no caso do Pedrón de Ouro) e o profesor e poeta Martín Veiga (Pedrón de Honra), director do Centro Irlandés de Estudos Galegos da Universidade de Cork.

O Padroado da Fundación do Pedrón de Ouro, en reunión celebrada o 1 de abril na Biblioteca Pública de Arzúa, acordou concederlle o Pedrón de Ouro, na súa quincuaxésima terceira edición, a esta Fundación que “historicamente foi un refuxio da actividade cultural galeguista, como demostrou durante anos coa celebración da Misa de Rosalía en San Domingos de Bonaval o 25 de xullo, organizada polo Padroado, único acto público no que se consentía a lingua galega”.

O Pedrón tamén sinala que neste 2017 cúmprense 70 anos da fundación do Padroado Rosalía de Castro, antecedente desta fundación, e salienta que nos últimos anos “leváronse a cabo importantes obras de reacondicionamento do interior e de profunda modernización museográfica”.

Acto de entrega

O Pedrón de Ouro trata de sobrancear aquela personalidade ou entidade viva, residente en Galicia, que máis se teña destacado na defensa e promoción das diversas facetas da cultura nacional ao longo do ano ou na traxectoria dunha vida.  No caso do Pedrón de Honra, a Fundación pretende distinguir a personalidade ou entidade viva, galega ou non, residente fóra da Terra que máis se destacase coas súas achegas ao engrandecemento da Nación e a súa Cultura.

A  entrega terá lugar nun acto literario no que actuarán de mantedores os escritores Pilar García Negro e Isaac Xubín, que se celebrará na Casa Museo de Rosalía, en Padrón, ás 12,30 horas. Actuarán o grupo de música tradicional galega Os Melidaos e a cantautora Najla Shami.


© 2011 Galega de Comunicación e Información, S.L.U. - Aviso legal - Contacto