O Consorcio de Santiago saca a concurso a mellora das fachadas do Pazo de Raxoi

O Consorcio de Santiago está a traballar na fachada oeste do Pazo de Raxoi, de cara a mellorar a súa eficiencia enerxética. A primeira fase, xa iniciada, céntrase no exterior. E agora o organismo interadministrativo acaba de sacar a concurso as obras de mellora das fachadas interiores por un importe global de 339.959,97 euros. As empresas interesadas teñen de prazo ata o 22 de xuño para presentar as súas propostas.

O arquitecto da Oficina Técnica do Consorcio responsable desta obra é Xosé Allegue. Explica que con esta intervención búscase mellorar a eficiencia enerxética das fachadas do patio oeste do Pazo de Raxoi a través da renovación de carpinteirías e saneado da fachada. Tal como sinala o arquitecto, “o mal estado das carpinterías e rexuntados da pedra favorece a perda de calor e a permanente humidade das caras interiores dos muros, o que obriga ao sistema de calefacción a empeñar gran parte da súa capacidade na disipación da humidade dos muros, que pasa á súa vez ao ambiente interior das estancias, coa conseguinte aparición de mofos e liques, e provocando como consecuencia ambientes de traballo insalubres”.

Nesta mesma fachada atópase unha terraza que presenta graves problemas de filtracións de pluviais cara ás estancias inferiores, provocando altos niveis de humidade e fungos, ademais dun elevado consumo enerxético para a súa desecación, polo que se procederá á súa impermeabilización.

 

MANTEMENTO DA PEDRA E RENOVACIÓN DAS REIXAS

 

 

Entre as actuacións que se van levar a cabo destaca o mantemento ordinario dos elementos pétreos da fachada, co fin de garantir a súa estanqueidade. Ademais, revisarase o estado da pedra de cara a previr posibles caídas de material á rúa.

Por outro lado, renovaranse todas as carpinterías para mellorar a estanqueidade, o illamento acústico e a eficiencia enerxética do edificio nesta fachada. Implementaranse mecanismos e motorizacións de aperturas de ventás non accesibles co propósito de facilitar a necesaria ventilación dos espazos. E nalgunhas estancias inclúense medidas correctoras para atenuar a concentración de radón.
Tamén se sanearán as reixerías existentes nas ventás dos balcóns, así como nas numerosas ventás que dan ao patio.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar