A Deputación de Ourense dixitalizará o arquivo de «La Región»

A Deputación dixitalizará e porá a disposición dos cidadáns o arquivo de La Región, que inclúe coleccións históricas e contemporáneas do xornal A Deputación de Ourense dixitalizará e porá a disposición dos cidadáns o arquivo de La Región, que inclúe coleccións históricas e contemporáneas do xornal ourensá. A institución provincial vén de asinar un acordo coa empresa de comunicación ourensá por importe de 2,7 millóns de euros, en tres anualidades, a razón de 900.000 euros cada unha -importe que xa figura nos orzamentos da Deputación aprobados en setembro de 2016-, polo que adquire estes fondos documentais, de grande importancia histórica e cultural para investigadores e público en xeral.

O presidente da Deputación, Manuel Baltar, quen asinou o acordo co editor e conselleiro delegado do Grupo La Región, Óscar Outeiriño, afirma que esta documentación xornalística, patrimonio dos ourensáns, “reflicte a vida da nosa provincia ao longo de 106 anos de historia e supón un acordo moi satisfactorio co Grupo La Región, a prol da nosa historia recente, para poñela a disposición de todos”.

O presidente do goberno provincial destaca que este acordo “é froito de conversas que mantivemos durante os últimos anos para que a Deputación puidese adquirir estes fondos documentais tan importantes da historia recente da provincia de Ourense, acordo que agradezo ao Grupo La Región, tendo en conta tamén a existencia doutras ofertas para adquirir este importante arquivo xornalístico”, e engadiu que esta documentación “porémola a disposición dos ourensáns unha vez que fagamos o correspondente proceso de dixitalización”.

O arquivo de La Región está integrado polos números editados baixo dúas cabeceiras: “La Región”, cos seus suplementos, e “La Región Internacional”. Con respecto a “La Región” trátase de tres coleccións: unha histórica, desde 1910 ata 1967; outra moderna, desde 1967 ata mediados dos anos 80, e unha colección contemporánea, desde mediados dos anos 80 ata a actualidade. Os fondos inclúen ademais “La hoja del lunes” (editada entre 1950 e 1976) e os suplementos do xornal.

O arquivo inclúe tamén o depositario de colaboracións de persoeiros como Risco, Cuevillas, Otero Pedrayo, protagonistas da Xeración Nós; Ricardo Outeiriño, Luis Trabazo, José Ángel Valente, Ramón María, José Luis López Cid, Carlos Casares, Vázquez Gimeno, Xaquín Lorenzo, Isidoro Guede, Julio Francisco Ogando, Segundo Alvarado, Antón risco, Celso Montero e Blanco Amor, entre outros.

No que atinxe a “La Región Internacional” os fondos xornalísticos abranguen esta publicación, editada en formato periódico desde 1966 ata 2013 e desde este ano en formato revista, con edicións conxuntas ou específicas para Europa e América, unha publicación especializada na emigración, sendo o principal nexo informativo dos nosos emigrantes coa actualidade de España e do mundo nas décadas de 1960 e 1970.

Todo este arquivo de fondos xornalísticos abrangue máis dun século de historia da provincia de Ourense, e do xornal “La Región”, como cronista da historia contemporánea ourensá durante este período. Un arquivo que a Deputación de Ourense dixitalizará e porá a disposición de historiadores, economistas, sociólogos, intelectuais e investigadores dos ámbitos cultural e social, así como da cidadanía en xeral, para achegar a todos esta fonte de coñecemento da provincia de Ourense.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar