Sánchez, ese oportunista

“Non importa o poderoso que poida ser David. O público sentirase máis preto daquel que sexa simbolicamente máis feble”. Esta é a formulación da síndrome de ‘David e Goliat’.

Por iso moitos se aledaron da vitoria de Pedro Sánchez nas primarias do PSOE, aínda que á maioría nin lles vai nin lles vén nada nesa guerra interna. E, agora, como din que dixo Napoleón, “todo o mun-
do acude en auxilio do vencedor”. Non sei se esta formulación tamén ten o nome dun síndrome, ou só se pode chamar comenencia.

Canto hai de comportamento político e de comportamento sociolóxico na votación das bases socialistas?
O triunfo de Sánchez sobre o aparato foi, en certo xeito, un 15-M interno. Pero hai al­gunhas cousas que non se poden esquecer que diferencian ao PSOE doutros partidos socialdemócratas europeos aínda que a súa política fose semellante: o que significou para este partido a guerra, a represión e o franquismo que levan as súas bases, moitas por tradición familiar, a revirarse contra os pactos de goberno coa dereita, aínda que asuman idénticas políticas e enguaxes.

E os derrotados do PSOE? O poder territorial, os baróns, as vacas sagradas, os poderes mediÁticos-empresariais-oligárquicos… O outro día estiven a falar con Abel Caballero. Podería ser o símbolo dos derrotados. Atopeino moi tranquilo.

Nin el vai mudar de política, nin llo van pedir, nin o van remudar do seu posto, nin vai perder o apoio das bases… A política do alcalde vigués é moi semellante á anunciada por Sánchez: baséase na confrontación directa coa Xunta e con Núñez Feixóo. A mensaxe de Sánchez na longa campaña electoral interna foi simple, plana e endogámica, cunha ladaíña sobranceira: “non ao Goberno do PP”.

Que política propón o novo secretario xeral socialista? Non o sabemos, pois se por algo se caracterizou des-de que apareceu apoiado polos que agora eran os seus inimigos, foi o de ser un cataventos político.

En todo caso, a capacidade de manobra do secretario xeral do PSOE é bastante reducida. Será o próximo congreso quen terá que aprobar non só o novo proxecto político, senón tamén o organizativo. Aínda así, quen ostenta o verdadeiro poder no PSOE é a estrutura territorial e institucional por conformarse o partido baixo unha estrutura federal. Ademais, o PSOE ten outras canles, ademais das orgánicas, que prefixan e delimitan a súa política: forma parte esencial da estrutura dun Estado que está constantemente en cuestión por parte dos nacionalismos periféricos.

Será lembrado Sánchez coma un oportunista? Non esquezamos que foi creado para continuar o legado dos que enterraron a socialdemocracia.

 

Afonso Eiré é xornalista e colaborador habitual de El Correo Gallego

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar