A UE apoia tres proxectos da Deputación de Ourense

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, presentou os proxectos aprobados pola Unión Europea para Ourense, cuxo importe total ascende a seis millóns de euros, dos cales máis dun millón de euros investiranse na provincia de Ourense, co obxectivo de potenciar os ámbitos termais, natural, económico e turístico do territorio ourensán. Os proxectos, que se enmarcan no Programa POCTEP de cooperación con Portugal son: “Comunidade Territorial de Cooperación (CTC) Limia-Lima Cávado”, de desenvolvemento económico; o “Geres-Xurés-Dinámico”, para a dinamización da reserva da biosfera transfronteriza, e “Raia Termal”, para o desenvolvemento do destino turístico termal de fronteira Galego-Portuguesa, proxectos nos que participa a Deputación de Ourense por medio do Inorde.

Os ámbitos de actuación destes proxectos, como apuntou o presidente do goberno provincial, enmárcanse nas prioridades dos plans de mandato “Ourense 92”, “Ourense 15-19”, e no que será o próximo, o “Ourense 72-73”, “a prol da preservación do noso medio natural, da competitividade económica ligada a potencialidades da provincia como o turismo ou o termalismo, entre outras, e á promoción do patrimonio común existente na área fronteiriza entre Ourense e o Norte de Portugal, reforzando así os lazos de unión e cooperación co noso país irmán”.

Baltar destacou que o Programa Interreg V-A España-Portugal (POCTEP) 2014-2020 “considérase un instrumento clave para o desenvolvemento de proxectos na provincia de Ourense en cooperación con Portugal”.

Neste sentido, afirmou que as prioridades do programa están vencelladas a ámbitos nos que vén traballando a Deputación de Ourense, como son o crecemento intelixente para o impulso da innovación; o crecemento integrador en favor da competitividade empresarial, e o crecemento sustentable en prevención de riscos e na mellora da xestión dos recursos naturais. Tamén citou o presidente a mellora da capacidade institucional e a eficiencia na administración pública. Iniciativas como a de “Provincia Intelixente”, impulsada por Manuel Baltar, o Plan “Exportou” para favorecer a internacionalización de empresas ourensás ou a alianza coa Association Sustainable Business Council de Estados Unidos, para a posta en marcha en Europa e desde Ourense do Consello Europeo de Economía Sostible “son iniciativas que promoven e contribúen a achegar valor e a difundir a “marca Ourense”.

O programa Interreg financia cun máximo do 75 % (axuda FEDER) o importe destes proxectos, que suman un total de case seis millóns de euros, dos cales investiranse 1.497.050 euros na provincia de Ourense, o que supón unha captación financeira de 1.122.788 euros de axuda FEDER.

No caso do proxecto “CTC Limia-Lima-Cávado” o obxectivo é afondar na cooperación institucional, económica e do tecido empresarial, así como no desenvolvemento do espírito empresarial da poboación xove, e promocionar os recursos do territorio no ámbito do turismo de natureza e náutico. Neste proxecto participan como socios o Inorde e as comunidades intermunicipais do Cávado e do Alto Minho.

O proxecto “Geres-Xurés-Dinámico” ten como obxectivos valorizar os recursos endóxenos naturais, culturais e sociais, compatibilizar as actividades humanas coa conservación dos ditos recursos, e promover un turismo sustentable e a conservación da biodiversidade. Nel participa a Deputación de Ourense con outros doce socios, entre cámaras municipais, asociacións rexionais e a Axencia de Turismo de Galicia.

O terceiro dos proxectos, “Raia Termal”, pretende potenciar o sector turístico termal transfronteirizo, impulsando unha estrutura conxunta de cooperación en rede e deseñando e poñendo en marcha iniciativas conxuntas para valorizar economicamente os recursos termais e os espazos naturais, impulsando o seu posicionamento nos mercados español, portugués e europeo. Neste proxecto participa a Deputación de Ourense coa Confederación Hidrográfica Miño-Sil e as cámaras municipais de Melgaço e Terras do Bouro.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar