Misión comercial xaponesa en Ourense

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, recibiu hoxe no Pazo Provincial aos representes empresariais da misión comercial xaponesa que estes días levan a cabo unha axenda de traballo institucional e empresarial na provincia de Ourense, centrada principalmente nos sectores agroalimentario e vitivinícola, para coñecer as posibilidades de negocio entre empresas ourensás e xaponesas.

 

O presidente do goberno provincial, xunto ao presidente da Confederación Empresarial de Ourense (CEO), José Manuel Pérez Canal, destacou diante dos representantes empresariais de Xapón o labor que leva a cabo a institución provincial a prol da internacionalización das empresas de Ourense, así como as potencialidades da provincia en materia de turismo, termalismo e agroalimentación, entre outros sectores. “Somos a provincia coa maior riqueza termal de Europa –destacou Baltar-, temos a cooperativa agroalimentaria más importante do continente e somos a provincia de España con maior número de denominacións de orixe vitivinícolas, catro; son só uns exemplos do potencial que o ten o noso territorio”.

Manuel Baltar subliñou que a presenza na rede europea de gobernos provinciais, Partenalia, e na rede europea de territorios termais, entidades das que é vicepresidente, “contribúen a posicionar de maneira importante a “marca Ourense” e as singularidades da provincia, co que leva consigo en favor da competitividade e do desenvolvemento económico da provincia de Ourense”.

Tamén destacou o presidente a alianza que a Deputación vén mantendo coa CEO, “potenciando este tipo de misións comerciais”, e lembrou a próxima, que se celebrará na nosa provincia os vindeiros días 6 e 7 de xullo, tendo como protagonistas a representantes empresariais de Estados Unidos e Ourense.

Os integrantes da misión comercial xaponesa visitan hoxe adegas e colleiteiros do Ribeiro así como empresas de alimentación, e mañá estarán en Valdeorras visitando adegas desta comarca.

 

A misión comercial desenvolverase ate o vindeiro venres, 26 de maio, e ao longo destes días terán lugar máis de 35 actividades destinadas a dar a coñecer Ourense e as súas empresas, incluíndo visitas empresariais, reunións cos importadores e catas de viños, entre outras actividades. O obxectivo da misión é contribuír ao impulso das empresas da provincia de Ourense, unha estratexia que ten levado á CEO, co apoio da Deputación, a desenvolver accións similares con mercados do Reino Unido, China, Colombia ou México, que teñen posibilitado importantes acordos comerciais.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar