«Contando a Carlos Casares», documental da Deputación de Ourense

O Teatro Principal de Ourense acolleu a presentación do documental «Contando a Carlos Casares», acto enmarcado nas actividades conmemorativas das Letras Galegas 2017 e que contou coa participación do presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; o autor do documental, Gonzalo Veloso; o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, o escritor Luis González Tosar e o fillo de Carlos Casares, Hakan Casares.

O filme, promovido pola Deputación de Ourense e dirixido por Gonzalo Veloso, achega unha pluralidade de visións do escritor ourensán, homenaxeado nas Letras Galegas deste ano, a través de 28 persoas que conversan sobre os ámbitos literario, social, político e persoal de Carlos Casares.

Manuel Baltar destacou no acto de presentación «o exercicio permanente de ourensanismo de Carlos Casares, un dos grandes embaixadores de Ourense», e remarcou «a inmensa honra que supuxo ter participado neste documental, pois esta achega audiovisual é, como tamén o é este ano e os seguintes, unha homenaxe constante a Carlos Casares». O presidente do goberno provincial lembrou que a Deputación de Ourense outorgará a Medalla de Ouro da Provincia, a título póstumo, ao escritor ourensán, «iniciativa que será levada ao pleno da Corporación Provincial do vindeiro venres», e remarcou «a alianza que a Deputación mantén coa Fundación «Carlos Casares» para seguir impulsando a súa obra e o seu legado».

O acto de hoxe no Teatro Principal contou tamén coa presenza da delegada territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Marisol Díaz; do subdelegado do Goberno, Roberto Castro; do alcalde de Ourense, Jesús Vázquez; do presidente da Fundación «Carlos Casares», Xavier Casares, e do vicerreitor do Campus de Ourense, Virxilio Rodríguez.

O director do filme, que leva sete anos realizando os documentais dos galardoados no Día das Letras Galegas, agradeceu o apoio da Deputación de Ourense e destacou que o documental, que conta co asesoramento de Luis González Tosar, estrutúrase en 14 conversas de 28 persoas, as cales, sen guion previo e con total liberdade «achegan a súa visión sobre diferentes facetas da vida de Carlos Casares», expresou Veloso. No filme interveñen familiares, críticos literarios, xornalistas, profesores universitarios e políticos. «Incidimos en Ourense porque a infancia de Casares sempre estivo moi presente na súa obra», explicou o realizador.

Pola súa banda, Hakan Casares agradeceu as mostras de afecto que a familia está a recibir, «unha xenerosidade que destaca especialmente este ano, que para min, ademais de ser o das Letras Galegas, é o ano do meu pai».

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar