O Plan “Exportou” posiciona a Ourense no mercado agroalimentario de Xapón

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, clausurou a xornada de apertura da misión comercial inversa que trae a Ourense a representantes de importantes empresas do Xapón, especializadas nos sectores vitivinícola e da alimentación, unha misión comercial que é posible grazas ao Plan “Exportou”, unha iniciativa financiada pola Deputación de Ourense e impulsada conxuntamente coa Confederación Empresarial de Ourense (CEO), para promover e potenciar a internacionalización das empresas ourensás.

O presidente do goberno provincial destacou o apoio da Deputación de Ourense á internacionalización e a colaboración que mantén coa CEO, a Cámara de Comercio ou o Círculo de Empresarios de Galicia, e remarcou que a empresa “é a gran panca que impulsa a competitividade”. “En Ourense –afirmou Baltar- sabemos das bondades da internacionalización e por iso vimos desenvolvendo iniciativas para potenciar a “marca Ourense” con misións empresariais como as que temos levado a cabo con Estados Unidos e Israel, ou coa creación do Consello Europeo de Economía Sustentable, e cooperando co noso Campus de Ourense, e pos suposto promocionando a singularidade que temos como a provincia termal”.

Manuel Baltar subliñou que neste caso, esta misión inversa de representantes empresariais xaponeses a Ourense, “é unha excelente oportunidade para promover o potencial agroalimentario da nosa provincia nun mercado, o xaponés, que conta con 130 millóns de persoas, é o terceiro país do mundo en canto ao PIB e o cuarto que máis exporta e importa”.

O acto de hoxe, celebrado na sede da CEO, contou, ademais de Manuel Baltar e os representantes empresariais xaponeses, co presidente da CEO, José Manuel Pérez Canal; o director xeral do Igape, Juan Cividanes, e o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez.

A misión comercial desenvolverase ate o vindeiro venres, 26 de maio, e ao longo destes días terán lugar máis de 35 actividades destinadas a dar a coñecer Ourense e as súas empresas, incluíndo visitas empresariais, reunións cos importadores e catas de viños, entre outras actividades. O obxectivo da misión é contribuír ao impulso das empresas da provincia de Ourense, unha estratexia que ten levado á CEO, co apoio da Deputación, a desenvolver accións similares con mercados do Reino Unido, China, Colombia ou México, que teñen posibilitado importantes acordos comerciais.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar