Deputación de Ourense e Campus presentan cursos de extensión universitaria

 

A Deputación de Ourense e o Campus de Ourense poñen en marcha, un ano máis, os cursos de extensión universitaria que, durante a época estival, ofrecen formación sobre diferentes temáticas variadas e axustadas á realidade ourensán. A presentación destas actividades formativas tivo lugar no Pazo Provincial, acto no que participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, e o vicerreitor do Campus de Ourense, Virxilio Rodríguez.

Esta oferta formativa é posible “pola alianza estratéxica que ten a Universidade de Vigo e a Deputación de Ourense para o Campus de Ourense”, dixo Rosendo Fernández, quen explicou que estes cursos se enmarcan “no convenio de colaboración entre asinado entre a Deputación de Ourense e a Universidade de Vigo, polo cal, o goberno provincial achega unha axuda de 220.000 euros destinada a actividades culturais, deportivas, de investigación e de proxección universitaria, entre outras iniciativas”.

Froito da colaboración entre ambas entidades desenvólvense este sete cursos de extensión universitaria que “achegan a universidade á sociedade no que atinxe ao aspecto tanto xeográfico como formativo, con propostas de interese e actuais”, sinalou o vicepresidente da Deputación de Ourense.

Pola súa parte, Virxilio Rodríguez, quen agradeceu o apoio da Deputación de Ourense coas actividades do Campus de Ourense, dixo que se trata “dunha oferta moi achegada á realidade do noso territorio con temáticas vencelladas á auga, ao medio ambiente, ou mesmo ao sector empresarial”. Asemade o vicerreitor do Campus de Ourense destacou que estes cursos de verán, de extensión universitaria, saen das aulas da Universidade, “estendendo a universidade máis aló dos seus límites e das súas instalacións habituais porque queremos que o noso Campus sexa o de toda a provincia”. Por elo, os concellos de Muíños, Celanova, Allariz e A Estrada, serán sede, nesta edición, dalgunha destas propostas formativas.
Nese mesmo senso, Virxilio Rodríguez sinalou que estes cursos, non só están dirixidos á comunidade universitaria, senón que “calquera cidadán interesado nestas actividades, poderá anotarse neles”. A matrícula para inscribirse nos cursos está aberta desde o 15 de maio.

Os cursos deste ano son: Retos e perspectivas do uso sustentable dos recursos hídricos; Empresa familiar: Goberno e Sucesión; Augas minerais naturais: como captalas, degustalas e aplicalas terapéuticamente; 700 anos da “Festa do Boi” e outros elementos do patrimonio inmaterial relacionados; A obra audiovisual, suma de talentos; A sociedade da información (III): Preocupacións educativas nun mundo dixital; e o Turismo baseado na cultura da produción tradicional do viño, da cervexa e a da sidra.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar