Día das Letras, día de Casares

O autor ourensán participa, nos asnos 70 como dirixente da Asociación Democrática de Estudantes, no movemento universitario de protesta contra o franquismo. Entre as actividades que organiza ADE cómpre salientar o concerto de Raimon na cidade, preludio do 68 compostelán e xerme do movemento Voces Ceibes, a expresión galega da canción protesta. Casares inflúe na galeguización do movemento universitario ao participar na tradución ao galego do folleto coas letras do cantautor catalán.

En 1967 publica a súa primeira obra, Vento ferido, un libro de relatos xuvenís con técnicas innovadoras e influxo do experimentalismo europeo e americano. Nestes relatos inzados de soidade e fatalismo aparecen xa os temas que se repetirán na súa obra, como a violencia, a opresión e a intolerancia nas relacións humanas.

Ao ano seguinte sae do prelo a súa primeira obra de relatos infantís, A galiña azul e, de alí a pouco, a primeira obra infantil de teatro, As laranxas máis laranxas de todas as laranxas (1973). En 1969 empeza a impartir docencia en Viana do Bolo pero é inhabilitado por defender o dereito ao comedor gratuíto para os nenos pobres e ten que marchar a Bilbao. En 1974, despois de aprobar as oposicións, exercerá como profesor en Cangas do Morrazo e posteriormente en Nigrán.

No ano 1971, nun tren que se dirixe a Santiago de Compostela, coñece unha rapaza sueca, Kristina Berg, coa que casa e que lle abre as portas de Suecia. Este país converterase nunha especie de modelo ideal para a súa Galicia soñada.

Nestes tempos afiánzase como escritor e inicia a súa longa colaboración coa prensa, primeiro no xornal La Región de Ourense e posteriormente en La Voz de Galicia. En 1981 preséntase como galeguista independente nas listaxes do PsdeG-PSOE ás primeiras eleccións ao Parlamento e é elixido deputado. Como parlamentario, participa na redacción e aprobación da Lei de normalización lingüística de 1983, na creación do Consello da Cultura Galega e da Radio e Televisión de Galicia e na elaboración da campaña Fálalle Galego.

Son anos de intensísima actividade intelectual nos que preside o Consello da Cultura Galega, dirixe a revista Grial, colabora activamente coa Real Academia Galega (da que é membro desde 1977), dirixe a Editorial Galaxia, preside o PEN Club e no 2000 participa con outros 80 escritoras e escritores no Expreso da Literatura Europea que percorre Europa desde Lisboa ata San Petersburgo.

Ademais, desde 1992 escribe a columna “Á marxe” para o xornal La Voz de Galicia e segue a publicar títulos de narrativa.

Da súa prolífera obra cómpre salientar obras como Cambio en tres (1969), Xoguetes pra un tempo prohibido (1975), Os escuros soños de Clío (1979), Ilustrísima (1980) e Os mortos daquel verán (1987). Deixounos tamén moitas publicacións destinadas ao público infantil. Á parte de A galiña azul e As laranxas máis laranxas de todas as laranxas, publicou Lolo anda en bicicleta, Un polbo xigante ou a serie Toribio.

Cómpre tamén subliñar o seu papel como biógrafo de Ramón Otero Pedrayo, Manuel Curros Enríquez, Ramón Piñeiro ou Vicente Risco. Da súa faceta como tradutor, pódese destacar a tradución ao galego de obras como O Principiño de Saint-Exupéry ou O vello e o mar de Hemingway.

Ao longo da súa traxectoria como escritor recibiu numerosos recoñecementos e premios entre os que destaca o Premio da Crítica Española (1976) por Xoguetes pra un tempo prohibido, os premios de xornalismo Fernández-Latorre (1983) e Julio Camba (1995) e o Premio da Crítica Española e de Galicia (1997) por Deus sentado nun sillón azul.

Falece en Vigo o 9 de marzo de 2002, despois de entregar na imprenta versión definitiva de “O sol de verán”.

Carlos Casares, humanista e cosmopolita, non só se nos revela como unha figura indispensable do panorama cultural galego do século XX senón tamén como un dos principais renovadores da literatura galega contemporanea.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar