Cereixas para todos

Mil cereixas para unha fartura. Arredondadas e de cor vermella, cando están maduras, medio brancas e medio negras, son un dos froitos que medra en varios lugares de Galicia, para gozo dos lugareños e dos paxaros que van voando e, sen pousarse, collen a carne da cereixa e deixan a súa garouba, colgada do rabo, na cerdeira. Veñen todos, de todo o mundo, polo cheiro das cereixas de calquera clase, fundamentalmente, veñen polas de cedo e logo, se fai falta, volven cando maduran as tardías e, incluso, comen tamén das picotas, máis duras, pero moi sabedeiras e gustosas. As cereixas de Galicia, cando son boas, son como a ambrosía, para alimentar aos deuses.É froita de verán, pero tamén sabe ben no inverno. Nos mercados están as galegas e as que ve- ñen de fóra. Cereixas na mesa, na repostería, na escola e na literatura. O ruso Antón Chéjov publicou, a principios do século vinte, unha obra de teatro dedicada a elas, na que acadaban especial interese as flores das cerdeiras; en 2001, Blanca Riestra gaña o premio do Ateneo de Sevilla coa novela, A canción das cereixas; Nativel Preciado publica, uns anos máis tarde, Chegou o tempo das cereixas e Montserrat Roig deixounos El temps de les cireres.

As cereixas de Emilia Pardo Bazán, de Marga Romero ou as de Rosa Aneiros, na mesma portada de Sol de inverno; as de Cunqueiro, Costa Clavell, Manolo Rivas e as farturas de cereixa de tantos outros narradores, poetas, ensaístas e contadores de contos, son mostras evidentes de que ademais de froitos son recursos literarios que engordan as bibliotecas públicas e particulares e que dan dozura ao padal dos lectores. Poden ser doces ou agres e cando son moi agres cambian de nome. Chámanse guindas e mestúranse coa augardente. Que ricas son!

Culleredo, Laracha, Abegondo, Valadouro, Chantada, Ribas de Sil, Pobra de Brollón, e a parroquia viguesa de Beade fan cada ano a festa da cereixa. Miles de persoas participan e danlle un colorido especial ao mes de xuño. Cereixas para a xente de tódalas idades, incluso para os políticos e lexisladores, para que redacten, debatan e aproben unha lei que as eleve á categoría de símbolo nacional de Galicia, para que sexa obrigatorio plantar cerdeiras no que eran prados e agros, freando a monumental expansión do eucalipto.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar