Carlos, referente

Son moitos, sen dúbida, os galegos que senten o Día das Letras Galegas deste ano como especialmente próximo.

 Que Carlos Casares fora un dos narradores máis destacados da nosa literatura non é o único motivo. Nin que fose un extraordinario columnista, capaz de manter unha engaiolante columna diaria neste xornal. Nin que desde moi novo mantivese un inequívoco compromiso con Galicia, que o levou ata a unha breve participación directa en política.

É que, ademais, era un activista incansable a prol da cultura, sempre disposto a aportar iniciativas e a participar xenerosamente nas de calquera grupo ou entidade que pedise a súa colaboración. Por esa xenerosidade, foron moitísimas as persoas que tiveron oportunidade de escoitalo e comprobar en vivo a súa condición de conversador sempre atractivo.

Esa axuda ofreceuna dende moi novo. Tamén aos que cando estaba a piques de rematar a década dos sesenta, queríamos empezar a xuntar letras e a asomarnos a unha vida cultural entón moito máis pobre e afogada polo peso da ditadura.

 Carlos ofrecía a súa amizade de forma xenerosa e converteuse nun referente próximo, por idade e polo seu pulo renovador.

Pola súa xenerosidade e a condición de referente somos tantos os que sentimos hoxe a simple necesidade de contalo, sen aportar nada novo á morea de estudos e achegas sobre a súa contribución á cultura.

 Coa única aspiración de ser como unha das pequenas fotografías que se usan como base para formar un gran retrato, sen que se aprecien a simple vista e non teñen outra finalidade que a súa ínfima achega para compoñer a imaxe desexada.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar