Benvida aos escolares andorranos que fixeron o Camiño de Santiago

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, recibiu na Praza do Obradoiro ao primeiro dos grupos de escolares procedentes do Principado de Andorra que, desde hoxe e ao longo dos vindeiros meses, percorrerán o Camiño de Santiago baixo a iniciativa polo Centro Galego de Barcelona. A organización conta co respaldo de diversos departamentos da Xunta de Galicia: a Secretaría Xeral da Emigración, a Axencia Turismo de Galicia, e a Sociedade Anónima de Xestión do Plan Xacobeo.

O Centro, que preside Carlos Mandianes, está a realizar unha importante promoción da ruta xacobea, e de Galicia enteira, tanto na Comunidade Autónoma catalá coma no devandito Principado, neste caso en colaboración coas directivas dos centros escolares andorranos e de destacados membros da diáspora galega residentes no Estado pirenaico.

 

O Centro Galego de Barcelona, que conta con 125 anos de existencia, é unha das moitas comunidades galegas que colabora activamente na promoción e difusión de Galicia, axudando á súa proxección nacional e internacional, tanto no ámbito cultural coma no económico. Trátase dun exemplo máis do traballo que, en prol da Galicia territorial, realizan as comunidades galegas no resto de España e do mundo.

Este primeiro grupo pioneiro de escolares andorranos, alumnos con idades entre os 14 e os 17 anos que viñeron acompañados de dous docentes, fixeron o Camiño desde Sarria en cinco xornadas e, trala conclusión da andaina e a recepción de cadansúa compostela, foron tamén recibidos por autoridades relixiosas e locais.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar